O concello de Burela organiza a IV Semana do Deporte do 3 ao 7 de abril

TerraChaXa | AMariñaXa
1 Apr 2019

En Burela celebrarase a IV Semana do Deporte, que organiza o Concello, do 3 ao 7 de abril. Haberá talleres de iniciación ao atletismo para nen@s e ao xadrez para adultos, un clínic de pádel e outro de baloncesto no que participarán xogadores do Obradoiro, así como charlas e unha ruta de sendeirismo. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, anima á veciñanza a acudir ás actividades programadas e agradece a participación das firmas colaboradoras. Na presentación participaron o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, xunto a representantes das distintas entidades colaboradoras e o técnico municipal de Deportes, Lucas.

Ramiro Fernández dixo que “desde o Concello, un ano máis, estamos moi orgullosos de que esta actividade siga saíndo adiante. É o cuarto ano e é unha actividade que temos que seguir mantendo no tempo. É verdade que leva moitísimo traballo de organización e a Delegación de Deportes leva moito tempo preparando esta cita, neste caso o técnico de deportes Iván Cao Lucas”.

O edil socialista sinalou que “penso que conseguimos un programa moi atractivo e queremos invitar a todo o mundo a participar, a intención é que todo o que queira poida participar e achegarse máis ao deporte. Agradecer a colaboración de todos os estamentos, colexios e toda a xente que pon o seu grao de area para que isto poida ir adiante, e tamén a inestimable axuda da Deputación Provincial de Lugo, que colabora economicamente para poder desenrolar todos estes actos”.

O concelleiro de Deportes insistiu en “invitar a todo o mundo a participar, estaremos encantados de recibilos a todos e non fai falta ser ningún experto, nin ter ningún tipo de afinidade por algún deporte, simplemente achegarse a coñecer estas actividades que estamos propoñendo. O éxito desta actividade é a participación da xente, se non houbera esa participación non ten moito sentido seguir con isto. É a cuarta edición, quere dicir que a xente está participando, pero non quero perder a oportunidade de animar a máis participación porque penso que canta máis presenza teña dos veciños e das veciñas, ou de calquera tipo de afeccionado a calquera tipo de deporte, isto vai seguir medrando, e esperemos que para o ano que ven poidamos falar da quinta edición da Semana do Deporte e que incluso o programa de actividades sexa mellorado”.

A IV Semana do Deporte de Burela dará comezo o mércores, 3 de abril, cun taller de iniciación ao atletismo, organizados pola Federación Galega de Atletismo, que se desenvolverán nos CEIPS Vista Alegre e Virxe do Carme. Ese mesmo día celebrarase un clínic de baloncesto, coa visita de dous xogadores do Obradoiro ás escolas do CB Burela, e que se desenrolará no pavillón Vista Alegre.

O xoves 4 terá lugar un circuíto deportivo polas escolas infantís coa visita do CD Burela FS Pescados Rubén, e ás 20:00 horas, no salón de conferencias, haberá unha charla titulada Muller e Deporte, na que participarán Pili Neira (fundadora de Mudega-Mulleres Deportistas Galegas), Patricia González Mota “Peque” (xogadora do CD Burela FS), Tania Fonte (árbitro asistente internacional de fútbol) e Carla Trillo (atleta local). A mesa redonda será moderada por Suso Vázquez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo.

O venres 5 a partir das 20:00 horas no pavillón Vista Alegre haberá unha charla sobre primeiros auxilios no deporte a cargo de Camilo Vázquez, do 061, organizada por Semes Galicia.

O sábado, 6 de abril, celebrarase un clínic de pádel a partir das 12:00 horas no Activity Center. Tamén haberá a partir das 16:00 horas, na praza da Mariña, un circuíto infantil de BTT, organizado por Cerezo Bikes.

A IV Semana do Deporte de Burela rematará o domingo, 7 de abril, coa ruta circular de sendeirismo, que sairá de Capitanía Marítima ás 10:00 horas, organizada pola asociación Pasada das Cabras. Ademais haberá un taller de iniciación ao xadrez para adultos, a partir das 11:00 horas, no salón de conferencias, organizado polo clube de xadrez Reyes y Peones. Tamén o domingo terá lugar o torneo de xadrez Reyes y Peones, que se celebrará no pavillón Monte Castelo a partir das 16:00 horas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18327307701111