O Concello de Burela organiza charlas para a prevención de incendios

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Burela acollerá o 10 de marzo unha xornada de exhibición dos medios cos que conta o parque comarcal de bombeiros de Barreiros, segundo acordaron o alcalde, Alfredo Llano, e o responsable desta instalación, Fernando González, nunha xuntanza mantida nas últimas horas.
25 Feb 2019

O Concello de Burela acollerá o 10 de marzo unha xornada de exhibición dos medios cos que conta o parque comarcal de bombeiros de Barreiros, segundo acordaron o alcalde, Alfredo Llano, e o responsable desta instalación, Fernando González, nunha xuntanza mantida nas últimas horas. Tamén abordaron a posibilidade de organizar charlas informativas nos centros de ensino e con persoas maiores co obxectivo de previr casos de incendios.
O alcalde explicou que “tivemos unha reunión moi agradable, ademais xa facía tempo que a tíñamos formalizada, co sarxento da base de bombeiros de Barreiros, que é Fernando González, para falar de diversas cuestións. Hai unha proposta que xa hai tempo que a quería levar adiante que é facer charlas informativas por parte dos bombeiros con diferentes colectivos”.
Llano contou que “unha proposta que lle fixen foi facer unha charla cos rapaces dos dous institutos para que lles informen do que fan os bombeiros e qué problemas pode haber cando hai un incendio, de xeito que tomen conciencia do que é este oficio e do importantísimo que é a prevención. Creo que imos formalizar a partir do mes de marzo unha reunión para ter esta actividade”.
O alcalde manifestou que “outras charlas serían no plano máis xeral, para todo o mundo, sobre todo aquela xente que vive soa. Falar do que hai que ter en conta para evitar incendios domésticos como pode ser a acumulación de enchufes nunha soa base que poida dar lugar a un incendio, ou unha tixola que queda ao lume, etc… facer ese tipo de prevención e tamén como actuar en caso de que non se poida evitar o incendio. Cousas dese estilo que eu creo que son moi importantes para nun momento dado, se hai información e coñecemento suficiente, se poden evitar danos maiores”.
O rexedor declarou que “outra cousa da que falamos, que para min é moi agradable e causa para que a xente da Mariña se achegue a Burela, é que o 10 de marzo, para celebrar o seu patrón, imos facer un día dedicado aos bombeiros. Ese día vai haber unha exhibición e información. Van traer unha exposición de materiais e equipos, e van estar desde as nove e media da mañá ata ás dúas da tarde na praza do Concello. Entre a unha ás dúas van facer exercicios prácticos de demostración e o resto do tempo van estar informando de cómo funcionan os camións e os equipos. Todo creo que é moi importante e moi bonito e dende logo moito de agradecer”.
Llano sinalou que “agora imos conformar, entre Concello e a base de bombeiros de Barreiros, todas as actividades para ese 10 de marzo e invitar a colectivos e a toda a xente que queira achegarse a Burela ese día. Será moi agradable para nós, pero penso que tamén é unha oportunidade grandísima para ver como funciona ese colectivo e o importante que é a súa profesionalidade”.

0.12264704704285