O Concello de Burela tramita as axudas ao aluguer de vivenda habitual

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello burelés informa e tramita as axudas ao aluguer de vivenda habitual para contribuír a minimizar o impacto económico e social do Covid-19 para este ano 2020; tramita o bono alugueiro para vítimas de violencia de xénero e tamén o ingreso mínimo vital.
Os presidentes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra pediran ao Estado a declaración de zona de emerxencia.
5 Xuño 2020

O Concello burelés informa e tramita as axudas ao aluguer de vivenda habitual para contribuír a minimizar o impacto económico e social do Covid-19 para este ano 2020; tramita o bono alugueiro para vítimas de violencia de xénero e tamén o ingreso mínimo vital.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, subliña que “é moi importante que as nosas veciñas e veciños en situación de vulnerabilidade económica saiban a qué axudas poden ter acceso”.

O programa de axudas ao aluguer de vivenda habitual para contribuír a minimizar o impacto económico e social do Covid-19 para este ano 2020 está destinado aos arrendatarios titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual. A edil burelesa explica que “para poder acceder a estas axudas o titular do contrato ten que atoparse en situación de vulnerabilidade económica. Inclúense varios supostos, sempre que sexan como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo Covid-19: ser un traballador en situación de desemprego, ser un traballador sometido a Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) ou ser empresario ou profesional sometido a redución de xornada por motivo de coidados ou circunstancias similares que supoñan una perda substancial de ingresos”. O importe destas axudas podería chegar ata 500 euros ao mes: “o importe non poderá superar o custe mensual do alugueiro. No suposto de ter accedido aos préstamos para o pago do alugueiro a axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros. A axuda concederase polo prazo no que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19, durante un período máximo de 6 meses, podendo ter efectos retroactivos dende abril”. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro. 

O Concello de Burela tamén axuda aos veciños na tramitación dos bonos de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero. Para ilo conta con financiamento do Pacto de Estado nesta materia. 

A concelleira de Muller e Igualdade, Noelia María Ben, conta que “o prazo de presentación da documentación para acceder a estes bonos abriuse o pasado 13 de abril e concluirá o 11 de decembro deste ano. Estas subvencións están destinadas a atender as seguintes unidades de convivencia: as das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte. E tamén as unidades das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima”.

Ben engade que: “as axudas consisten en bonos de alugueiro social cunha contía de 200 euros mensuais, para as vivenda sitas no concello de Burela. Poderase solicitar unha axuda complementaria de 600 euros para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións”.

O concelleira de Servizos Sociais tamén se referiu ao ingreso mínimo vital, que se poderá solicitar a partires do vindeiro 15 de xuño. Carmela López dixo que “se trata dunha prestación dirixida a previr o risco de pobreza a exclusión social das persoas que vivan soas ou integradas nunha unidade de convivencia, cando se atopen nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas”. A idade dos beneficiarios oscilará entre os 23 e os 65 anos, aínda que quedarán exentas deste requisito as mulleres vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de seres humanos e explotación sexual. Outros requisitos que se esixen son ter residencia legal e efectiva en España de forma continuada durante o ano inmediatamente anterior; atoparse en situación de vulnerabilidade económica; que a unidade de convivencia estea formada desde hai un ano; e figurar como demandantes de emprego, no caso de persoas maiores de idade ou menores emancipados, que non estean traballando”. 

Para realizar todos estes trámites ou calquera outra xestión no Concello de Burela é preciso solicitar cita previa no teléfono 982 58 60 00 ou enviando un correo electrónico a citaprevia@burela.org. Para acceder ás instalacións municipais “é necesario facelo con mascarilla”.

0.16059303283691