O Concello de Castro de Rei arranxará tres bens patrimoniais
O Concello de Castro de Rei vén de solicitar unha serie de axudas para acometer a rehabilitación de tres elementos que forman parte do seu patrimonio histórico-artístico.
A primeira das actuacións afecta á Fonte da Troita, no lugar de Couto de A, parroquia de Ramil. É un elemento arquitectónico cun valor moi singular, moi ligado ao patrimonio inmaterial do asentamento castrexo do Castro de Viladonga.
Preténdese realizar nela un traballo de conservación e restauración para correxir as alteracións detectadas mediante unha intervención de limpeza e consolidación das estruturas consistente en limpeza dos elementos construtivos, asentamento e recolocación de pedras, consolidación e recheo de ocos, etc.
Tamén se actuará na Cruz de Quintela, na parroquia de Santa Comba de Orizón. Nela preténdese levar a cabo a estabilización do cruceiro, eliminación de hedras, limpeza da superficie pétrea do cruceiro, recolocación das pedras danadas e recheo de ocos.
Finalmente levarase a cabo unha actuación no cruceiro de Casas Novas, na parroquia de Santa Locaia, no que se pretende eliminar a vexetación da contorna, escaleira e muros, limpeza da superficie do cruceiro e pedras, adhesión dos pés da escultura e asentamento e recolocación de elementos en risco de caída ou desprendemento.
As tres actuacións contan cun orzamento de preto de 15.000 euros, dos que se solicitou unha achega a Agader coa que se pretende acometer os traballos descritos.