O Concello de Castro de Rei presenta o programa de Nadal completo

TerraChaXa
Obradoiros creativos, visitas de Papá Noel, teatro, circo e propostas culturais en inglés forman parte da oferta
programa-de-nadal-castro-de-rei
15 Dec 2025

O Concello de Castro de Rei presentou a súa programación de Nadal cun amplo calendario de actividades dirixidas especialmente á infancia e ás familias, que se desenvolverán entre finais de decembro e comezos de xaneiro nas distintas parroquias do municipio. Obradoiros creativos, visitas de Papá Noel, teatro, circo e propostas culturais en inglés forman parte dunha oferta pensada para dinamizar estas datas festivas e fomentar a participación veciñal.

As actividades comezarán o 22 de decembro con obradoiros de adornos de Nadal en Castro de Rei e en Castro Ribeiras de Lea, aos que seguirán a visita de Papá Noel o martes, a elaboración de postais o 26, actuacións da Escola Municipal de Teatro o 27 ou obradoiros de coroas de Nadal o 29. Tamén haberá contacontos en inglés, tanto para público infantil como familiar, e unha función de circo a cargo da compañía Pistacatro, que pechará o ano o 31 de decembro na Casa da Cultura. As actividades se repetirán en Castro de Rei e en Castro Ribeiras de Lea en distintos horarios ou días agás as dúas representacións teatrais, que serán só neste último.

Xa en xaneiro, o día 2 os nenos e nenas do municipio visitarán o XuvenLugo, e o día 5 celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, cun programa que inclúe a chegada dos Reis Magos ao aeródromo de Rozas para ser recibidos polos alcalde, visitas aos distintos núcleos do concello e dúas cabalgatas, unha en Castro de Rei, ás 16.40, e outra en Castro Ribeiras de Lea, ás 19.00 horas. A xornada completarase co reparto de chocolate con churros e a actuación do Mago David, organizado pola Asociación Amigos da Feira.

Desde o Concello lembran que algunhas actividades requiren inscrición previa e que os actos ao aire libre estarán condicionados pola meteoroloxía.

⚙ Configurar cookies
0.087671041488647