O Concello de Castro de Rei rehabilita os cruceiros de Casas Novas e Quintela

O Concello de Castro de Rei está a acometer a rehabilitación de dous cruceiros que se atopaban en mal estado, un na parroquia de Santa Locaia e o outro en Orizón.
O primeiro deles é o cruceiro de Casas Novas, unha obra moderna, xa que data de 1913, de grandes dimensións, que foi feito por unha veciña da localidade. Este elemento patrimonial pasou a mans do Concello na década dos 90 e foron os veciños os que solicitaron a súa rehabilitación, xa que nunca se fixo nada sobre el. Os traballos consisten na consolidación e limpeza dos muros, as escaleira e da propia cruz.
Tamén se está a traballar no cruceiro de Quintela, en Santa Comba de Orizón, unha peza datada entre os séculos XVIII e XIX, de pedra, moito máis sinxela que a anterior pero que é moi antiga. A intervención faise porque o terreo cedeu e quedou inclinada.
Para esta actuación destináronse cartos do Plan Único da Deputación e tamén fondos municipais, que ascenden a un total de 12.000 euros, aos que hai que sumar o custe da redacción dos proxectos.