O Concello de Castro ten obras en curso por valor de 600.000 euros

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Castro de Rei ten actualmente en curso obras en distintos lugares por un valor total de 600.000 euros.
Casa_Concello_Castro_de_Rei
17 Jul 2021

O Concello de Castro de Rei ten actualmente en curso obras en distintos lugares por un valor total de 600.000 euros, algunhas delas en fase de licitación e outras xa en proceso de execución.

Así, pendente de adxudicar estes días está o proxecto de construción de beirarrúas na rúa Alcalde Sinde Nieto na súa segunda fase, que contempla o tramo comprendido entre Manuel Becerra e a praza Maior, en Castro de Rei, que ten un orzamento de 45.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

Tamén pendente de adxudicación está unha actuación no rural, a mellora da estrada de acceso a Ludrio, concretamente no tramo entre a N-640 ata o límite municipal co Concello de Pol. Esta obra conta cunha subvención da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Ten un orzamento total de 50.000 euros e un prazo de execución dun mes. Os traballos consisten na limpeza e apertura de cunetas, regularización da superficie da vía con asfaltado en quente e sinalización. Esta obra permite mellorar o acceso á igrexa parroquial e ao centro do núcleo.

Na mesma situación están as obras de rexeneración de accesos aos núcleos de Triabá, Quintela, Bazar, Bendia, Azúmara e Ribeiras de Lea, cun prezo de adxudicación de 256.900 euros.

DEPUTACIÓN

Esta intervención finánciase con cargo ao Plan Único da Deputación, que achegará 253.829,38 euros, mentres que o resto, 17.281,50 euros, estará a cargo do Concello. Realizaranse labores de limpeza de cunetas, acondicionamento, rexeneración, pavimentación, sinalización e mellora da drenaxe.

Actuarase na estrada que vai desde a LU- P-1104 ata o límite municipal en Bardián, pasando pola igrexa de Bazar, un trazado de case tres quilómetros; na rúa do Castro de Castro de Ribeiras de Lea; catro viarios en Triabá; e os accesos ás vivendas de Bardián, ao barrio de O Castrillón e  Reguntille. Ademais, un acceso en Quintela e outro en Cornide acondicionaranse, pero sen pavimentar. O obxectivo destes traballos é rexenerar varias vías públicas moi deterioradas pola  súa  antigüidade, uso e as inclemencias  meteorolóxicas.

Tamén están xa adxudicadas e pendentes de comezar as de mellora de vías municipais e accesos a parcelas en Os Candos, Triabá, Matodoso e Os Salgueiros. Estas teñen un orzamento 74.000 euros.

Así mesmo, xa case están rematadas as obras de rexeneración de Ribademiño, Outeiro, Bazar, Veiga de Pomar, Tortentosa en Duarría, Bouzaboa en Loentia, e Sumedo en Ludrio. Estas contan cun orzamento de 150.000 euros.

0.16015911102295