O Concello de Cervo acolle os contos de Divas de Diván
O Concello de Cervo acolle o teatro coloquio de Divas de Diván, contos eróticos para abrir boca o venres 18 de setembro ás 20 horas.
Este acto será na casa da cultura de San Cibrao e contará con aforo limitado.
Nas culturas celta, babilonia, sumeria, etrusca, nipoa, azteca, semita, mesopotámica, exipcia, chinesa, xermánica, nórdica, lituana, grega e romana o pobo rendeu culto a distintas deusas da sexualidade, os desexos e mailo pracer.
En Galicia, nos tempos que corren, a carnalidade e o instinto teñen templo en case cada casa no corpo de cada muller. Non é o mesmo ser divindade que diva. Pero, por sorte, as divas son moito máis fáciles de alcanzar.
Así, Vero, a Ángeles e a Carmen xúntanse arredor dunha mesa mentres pican queixo de tetilla, comparten uns chouriciños e proban que pementos pican e cales non, para contarnos historias da erótica do noso país. Porque, dende logo, si, cos contos que elas traen hai material para fundar a nosa propia mitoloxía.