O Concello de Cervo conmemorará o día mundial da educación ambiental con videos nas redes sociais

TerraChaXa | AMariñaXa
22 Xan 2019

O Concello de Cervo conmemora o Día Mundial da Educación Ambiental coa difusión de microvídeos nas redes sociais municipais co obxectivo de contribuír a fomentar as boas prácticas entre a veciñanza.
O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medioambiente, Mali Méndez, presentaron a iniciativa esta mañá, coa Fervenza de Sargadelos como escenario de fondo.
As publicacións comezaranse a difundir mañá martes no twitter e no facebook do Concello, de tal xeito que se publicará un vídeo cada día, ata o sábado 26 de xaneiro, data na que se celebra a efeméride.
Os espazos estarán protagonizados por diferentes temáticas relacionadas co respecto ambiental como a compostaxe doméstica (a día de hoxe 200 familias do municipio dispoñen dun recipiente no seu fogar que distribúe o Concello de balde a aqueles veciños que o soliciten), a reforestación con árbores autóctonas (programa en marcha nas diferentes fincas municipais desde fai máis de dez anos) ou a importancia de economizar e preservar os recursos naturais, como a auga.
Ademais, nas publicacións tamén se poñen en valor os diferentes espazos naturais e rutas do municipio, como o Sendeiro Azul do Torno, a ruta das Canteiras, o paseo dos Namorados de Sargadelos ou a ruta ornitolóxica da Ribeira de Lieiro, entre outras.
A clausura da Semana da Educación Ambiental terá lugar o vindeiro luns, 28 de xaneiro, cando está programada unha actividade didáctica e interactiva coa colaboración de SOGAMA, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bach. do IES Marqués de Sargadelos.
Cabe recordar que o Concello de Cervo está incluído en varios programas medioambientais como a Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sutentable dos recursos naturais e a preservación do patrimonio natural; a Rede Española de Cidades Polo Clima co compromiso de promover a reciclaxe, a redución de desperdicios e o fomento da reutilización; e a rede Construrock, froito dun convenio asinado a finais do pasado ano co Instituto Geológico y Minero de España para promover a realización conxunta de actuacións científico-técnicas en materia de xeoloxía, pedra natural e patrimonio arquitectónico.

0.17473006248474