O concello de Cervo convoca o IX Concurso Fotográfico de Medio Ambiente 'Cervo Respecta'
O Concello de Cervo vén de convocar o IX concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2019”, que foi presentado hoxe polo alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira Mali Méndez.
Tal e como explicaron “os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio”.
Deberanse presentar en formato dixital (JPEG), en alta calidade, a unha resolución mínima de 2.048 px. sen limitación de tamaño en MB; nun CD acompañado cunha ficha da autoría que se pode solicitar na Casa da Cultura, na Casa do Concello ou a través do correo electrónico: medioambiente@concellodecervo.com.
O prazo para presentar as imaxes remata o venres 17 de maio, e a entrega poderase facer nos edificios municipais, ou ben a través do correo electrónico anteriormente especificado.
O fallo do xurado darase a coñecer o día 1 de xuño. Hai tres premios establecidos. O autor da fotografía gañadora será galardoado cunha figura de cerámica de Sargadelos e un vale de 150 euros para empregar en establecementos do Concello de Cervo. O segundo premio está dotado cunha figura de Sargadelos e un vale de 75 euros.
Ademais, tamén se premiará á mellor fotografía medioambiental “Top Cervo” na que se identifique claramente unha paraxe deste Concello; que recibirá un vale de 50 euros.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “esta é unha cita xa consolidada no noso Concello, que celebramos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar cada 5 de xuño, data na que entregamos os premios. Animamos, pois, a todos os amantes da fotografía e da natureza a que participen e nos fagan chegar as súas instantáneas, co fin de concienciar no respecto ambiental; ao tempo que nos permiten coñecer o seu traballo, de gran calidade sempre, e descubrir lugares e momentos únicos desde a súa óptica”.