O Concello de Cervo descontamina e sectoriza a planta do Centro de Día Residencia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
21 Abr 2020

O Concello de Cervo, como medida preventiva, adquiriu dúas máquinas xeradoras de ozono para desinfectar espazos interiores susceptibles de estar en contacto co virus.

Estas máquinas están a traballar intensivamente nas instalacións do Centro de Día Residencia, onde foron diagnosticados catro positivos por coronavirus, unha técnico e tres residentes, que están en corentena na primeira planta do centro.

Desde o inicio da crise o Concello, a través das delegación de Servizos Sociais e de Protección Civil, está en contacto directo e diario coa dirección do centro, coa que se deseñaron protocolos de actuación, a través do servizo de emerxencias municipal, para estar preparados no caso de que se identificase algún positivo.

Por este motivo, en canto se tivo constancia da nova situación, e logo de recibir a información por parte da dirección do centro, fíxose un despregamento inmediato de todo o operativo de desinfección.

Ademais de poñer en funcionamento as máquinas de ozono, o servizo de emerxencias, sectorizou toda a planta na que están os residentes que deron positivo, identificando e balizando as zonas restrinxidas e as zonas de transición, onde se muda e se equipa o persoal antes de entrar a estes puntos “quentes”; e onde se desinfectan logo de atender aos enfermos; extremando as medidas de hixiene, tal e como veñen facendo desde o  inicio da crise.

0.18586683273315