O Concello de Cervo entrega as axudas a asociacións e estudantes

TerraChaXa | AMariñaXa
31 Dec 2020

O equipo de goberno, nestes últimos días do ano, segue a manter xuntanzas cos responsables das diferentes asociacións de Cervo.

Nestes encontros estase a proceder á entrega das axudas nominativas que o Concello de Cervo ten reservadas para contribuír cos gastos de funcionamento destas entidades "nun ano especialmente difícil para todos que tamén afectou sensiblemente á súa actividade", explica o alcalde.

"Tratase dun recoñecemento a un traballo fundamental para o noso municipio, ao que dedican moitas horas do seu tempo e que desenvolven de xeito totalmente altruísta en beneficio de todos", engade.

Destínase algo máis de 70.000 euros do orzamento municipal para colaborar con estas asociacións "que enchen de vida Cervo, con diferentes actividades ao longo de todo o ano".

"Agardamos que no 2021 podamos retomar, sempre priorizando a seguridade, parte desa vida e dese dinamismo que caracteriza a Cervo, e no que desempeñan un papel moi importante estes colectivos", tal e como sinala o rexedor, Alfonso Villares.

ESTUDANTES

A edil de Educación, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Formación David Rodríguez, veñen de entregar, por quendas e en grupos reducidos dada a situación actual, as axudas para transporte ao alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.

Nesta ocasión foron 31 os estudantes que recibiron un cheque de 150 ou 250 euros, en función da renda familiar.

Tal e como sinalou a delegada de educación Dolores García, “trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e é unha forma de aportar o noso grao de area á formación e educación dos nosos mozos e mozas”.

O obxectivo non é outro que o de “dar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos. Máis aínda se cabe, se temos en conta contexto actual deste 2020”.

Entre os requisitos, por exemplo, téñense en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que debe estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumnado debe ser menor de 30 anos.

Ademais ten que cursar algunha destas titulacións fóra do municipio: ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.

0.13971400260925