O Concello de Cervo ordea demoler o esqueleto do edificio da Atalaia
O Concello de Cervo vén de ordenar a demolición do esqueleto ubicado na rúa do Faro, de San Cibrao, na zona da Atalaia. Así o anunciou o rexedor, Alfonso Villares, quen precisou que agora haberá que esperar o prazos que fixa a Lei para resolver o expediente “pero estamos a dar pasos en firme e seguimos traballando para logar o noso obxectivo, que non é outro que o de recuperar toda esa zona e devolvela ao seu estado orixinal, poñendo en valor o Castro da Atalaia”, que foi inventariado por Patrimonio no ano 2007.
Villares explicou que nestes días foi resolto o expediente de reposición da legalidade urbanística –iniciado en febreiro de 2019- que nos permite seguir avanzando no procedemento logo de que en decembro de 2018 xa declararamos a caducidade da licenza urbanística que lle fora outorgada no seu momento a Promociones San Ciprián S.L; “estes trámites ratifican que as obras iniciadas non poden continuar ao non existir ningún permiso en vigor que as ampare; a construción, pois, xa non está avalada por ningún título xuridíco-administrativo; está á marxe da legalidade”.
O rexedor precisou que a orde de demolición deberá ser executada nun prazo de tres meses; e en caso de incumprimento por parte dos propietarios, procederíase á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, reiterables periodicamente ata que se leve a cabo a orde, cunha contía que iría de 1.000 a 10.000 euros.
O Concello de Cervo xa redactou, ademais, un Plan Especial de Protección do Castro que delimita toda a zona afectada e regula a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superfie a preservar; e fixa as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido, entre outos aspectos.