O Concello de Cervo plantou máis de 11.000 árbores autóctonas

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Cervo plantou máis de 11.000 árbores autóctonas. Foron traballos de reposición de especies, roza e eliminación de eucalipto
participantes Coworking Lugo
13 Dec 2020

O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, realizou nestes últimos dous meses, traballos de reposición de especies autóctonas, roza e eliminación de rebrotes de eucalipto nunha parcela municipal en Cuíña, que ten unha superficie de 6 hectáreas, e na que nos últimos anos se levan plantados 4000 exemplares entre bidueiros, castiñeiros, piñeiros, nogueiras, carballos, acivros, salgueiros, loureiros ou espiños.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, achegáronse ata a zona para ver en primeira persoa o resultado dos traballos, que se repiten, regularmente, en diferentes parcelas de titularidade municipal, “froito da campaña de reforestación con árbores do país que puxemos en marcha hai 12 anos e que a día de hoxe supera xa as 25 hectáreas de superficie repoboada”.

Neste senso Villares subliñou que “estamos a facer un traballo con previsión de futuro, que deixaremos en herdanza aos nosos fillos, co que tamén poñemos en valor o bosque autóctono galego, e que dará os seus froitos a medio prazo, tanto a nivel turístico, polo embelecemento do propio bosque, como a nivel económico-produtivo; animando pois aos nosos veciños a que revitalicen as súas fincas con estas especies que poden chegar a ser incluso un medio de vida a medio prazo”.

O noso obxectivo - apunta Méndez - “é favorecer a creación de novos bosques con estas especies e outras frondosas; que outorgan un valor engadido aos nosos terreos e que, ademais, pola súa natureza, actúan de cortalumes no caso de que se declare un incendio”.

Está claro que a política de reforestación non vai dar resultados inminentes –engade o rexedor- “pero a medio prazo poderemos desfrutar en Cervo de magníficas paisaxes esculpidas con frondosas autóctonas que poden ser tamén unha importante contribución económica para a veciñanza, e un bo antídoto contra a propagación dos lumes; porque os bosques autóctonos son, sen dúbida, tanto no sentido paisaxístico como no produtivo, unha herdanza de incalculable valor para as futuras xeracións”, concluíu.

0.19279503822327