O Concello de Cervo prepara a zona de Cuíña para unha nova plantación
O Concello de Cervo acomete estes días traballos de roza e limpeza na parcela municipal do polígono de Cuíña, moi preto do casco urbano de San Ciprián.
Estes labores son o preámbulo da segunda fase dun proxecto integral de reforestación en colaboración coa Fundación Alcoa, American Forest e a firma local Entorno Ambiental que supón a plantación total de 3700 árbores do país (1620 foron xa sementados na primeira etapa, no outono de 2018).
Esta finca de 6 hectáreas, na que había un eucaliptal que foi retirado polo Concello, vai seguir sendo revitalizada con piñeiros, loureiros, maceiras, pereiras, acivros ou carballos “porque cremos que a recuperación dos bosques típicos galegos é beneficioso a todos os niveis, tanto pola súa compoñente turística, como produtiva; xa que estas fincas poden ser a medio prazo un importante recurso para reforzar as economías familiares”, precisou o rexedor, Alfonso Villares, quen acompañado da edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, supervisou os traballos de limpeza da parcela.
O Concello de Cervo ten en marcha un Plan de Reforestación Integral que iniciou fai máis de dez anos nas parcelas de titularidade municipal, nas que xa se plantaron máis de 11.000 árbores autóctonas.