O Concello de Cervo substitúe eucaliptos por árbores do país na parcela do polígono de Cuíña

TerraChaXa | AMariñaXa
21 Xan 2019

O Concello de Cervo traballa na posta en valor dunha parcela municipal, de 6 hectáreas, ubicada no Polígono de Cuíña, na que se acharon recentemente petróglifos.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, estiveron supervisando os traballos de roza e limpeza que están a desenvolver os operarios municipais estes días nesta leira na que, tras retirar os eucaliptos que foron brotando, se van plantar árbores autóctonas, como castiñeiros, carballos e outras frondosas.
O rexedor fixo fincapé nos recursos que se destinan ao mantemento destas parcelas municipais para que estean en óptimas condicións “desde fai máis de dez anos temos en marcha un proxecto ambicioso de reforestación integral das leiras que son propiedade municipal con especies autóctonas, e para poder materializalo temos que destinar unha importante cantidade de medios humanos e materiais; pero o obxectivo paga moito a pena”.
Villares precisou que “a recuperación dos bosques típicos galegos é beneficioso a todos os niveis, tanto pola súa compoñente turística, como produtiva; xa que estas fincas poden ser a medio prazo un importante recurso para reforzar as economías familiares”.
Pola súa banda, a edil de Medio Ambiente recordou o obxectivo desta política de reforestación pasa por “preservar e potenciar todo o patrimonio natural que identifica ao noso municipio”, a día de hoxe –apuntou “plantamos máis de 8.000 árbores autóctonas en máis de 20 hectáreas de terreo municipal, que outorgan un valor engadido aos nosos montes”.

0.11928796768188