O Concello de Cospeito acolle unha nova edición dos xogos da mancomunidade
O Concello de Cospeito será a sede dos XXVIII Xogos da Mancomunidade, un evento que citará o próximo día 11 de maio, a 225 menores de Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei e A Pastoriza.
Malia que o día grande está programado para o sábado 11, haberá actividades previas o 7, cando terán lugar as probas de atletismo no campo de fútbol da Fonte, e o 10, que serán as previas de fútbol sala no pavillón de Feira do Monte e o de Muimenta.
O día principal será o 11 e os escolares poderán escoller entre xadrez, baloncesto, tenis de mesa e fútbol sala -ese día celebraranse as finais-. Todos os asistentes son de categoría benxamín a cadete -de 3º de primaria a 4º da ESO-, fóra dos de fútbol sala, que tamén inclúe prebenxamín. As actividades desenvolveranse tanto no pavillón do CPI Virxe do Monte como no polideportivo municipal de Feira do Monte e os seus arredores.
O evento arrincará ás 9.30 horas. As actividades deportivas celebraranse pola mañá e ao mediodía está prevista unha comida nas casetas do Campo da Feira. Como novidade haberá un DJ e inchables gratuítos para todos os asistentes"e, en horario de tarde, farase a entrega de trofeos e unha exhibición de ximnasia rítmica da man do club cadete das escolas deportivas de Cospeito.