O Concello de Cospeito convoca o IV Concurso de Imaxes contra a Violencia de Xénero

O Concello de Cospeito vén de convocar a cuarta edición do Concurso de Imaxes contra a Violencia de Xénero, baixo o lema Cospeito libre de violencias sexistas, con motivo do 25 de novembro.
O certame está aberto a toda a cidadanía e busca promover a reflexión sobre o machismo, os micromachismos e as diferentes formas de violencia de xénero a través da creación artística. As persoas interesadas poderán participar cun debuxo ou unha fotografía, en soporte dixital ou escaneado, que inclúa unha mensaxe ou lema vinculado coa temática.
As propostas deberán enviarse ao correo igualdadecospeito@gmail.com, indicando o nome completo, a data de nacemento, o lugar de residencia e un teléfono de contacto, así como unha copia do DNI. No caso de menores de idade, será necesaria a autorización do pai, nai ou titor/a.
As imaxes recibidas publicaranse na páxina de Facebook do Concello de Cospeito, onde a obra que obteña máis “me gustas” ás 15.00 horas do 25 de novembro será a gañadora do primeiro premio, dotado con 120 euros. O resto das persoas participantes recibirán un agasallo.
O xurado estará composto pola Traballadora Social, o alcalde-presidente, o concelleiro de Servizos Sociais e a concelleira de Igualdade. Ademais, as obras poderán formar parte dunha exposición física no propio concello.