O Concello de Cospeito inicia o procedemento de expropiación para a prolongación da rúa Valverde

O Concello de Cospeito iniciou do procedemento de expropiación, mediante o sistema de tasación conxunta, necesario para levar a cabo a prolongación da rúa Valverde. A actuación enmárcase na execución do planeamento urbanístico e ten como finalidade a obtención dos terreos precisos para desenvolver este proxecto viario.
Segundo se informa no anuncio municipal, a Alcaldía aprobou inicialmente o proxecto de expropiación, conforme ao establecido no artigo 118 da Lei do solo de Galicia. Esta aprobación inicial inclúe a relación de bens e dereitos afectados, así como as correspondentes follas de aprecio e a proposta dos criterios de valoración.
Así mesmo, o Concello acordou someter o proxecto a un período de información pública dun mes, trámite que finaliza esta semana. Este realízase mediante a publicación de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia, ademais da notificación individualizada ás persoas que figuran como titulares de bens e dereitos no expediente. Durante este prazo, as persoas interesadas poden presentar alegacións ou reclamacións tanto respecto do procedemento expropiatorio como da fixación do xustiprezo.
Durante o período de información pública, o expediente pode consultarse na sede electrónica do Concello de Cospeito e tamén de maneira presencial nas dependencias municipais, co obxectivo de facilitar o acceso á documentación e permitir a presentación dos escritos e xustificacións que se consideren oportunos.