O Concello de Cospeito insta aos donos de Caldaloba a limpar o acceso á torre
O Concello de Cospeito insta os propietarios da torre de Caldaloba "ao uso de conservación debido" da edificación, un símbolo do municipio que ve perigar o seu futuro. "Se non fan nada o Concello actuará de oficio para a limpeza e roza dos camiños de acceso á torre", indica o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, tras manter unha "longa e extensa" reunión co historiador Xabier Moure e Óscar Rego, un veciño de Piñeiro que alerta dos riscos de esborralle a través da divulgación de noticias nas redes.
"É unha propiedade privada e iso leva unhas dificultades, pero é un símbolo, xunto á lagoa, que hai que manter", expresa Castosa, que lembra que no ano 2000 a Xunta realizou unha consolidación. "Pensouse que ía ser para moitos anos e durou, pero agora hai gretas importantes", apunta o rexedor, que asegura que solicitará de "forma inmediata" unha reunión coa Dirección Xeral de Patrimonio para solicitar un estudo da situación actual da torre e acerca da necesidade de levar a cabo unha nova consolidación.
"Convidei a Xabier á reunión tamén, o obxectivo é facer unha especie de equipo para levar isto para adiante", explica Castosa, que tamén anuncia que outra das iniciativas que levarán a cabo a curto prazo será renovar a sinalización da torre, considerada polos historiadores o último bastión da Idade Media en Galicia.