O Concello de Cospeito recibe 12.000 euros para a remodelación do mercado municipal
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 82.400 euros a financiar catro actuacións de mellora dos mercados municipais de Portomarín, Lugo, Cospeito e Pedrafita do Cebreiro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as achegas da consellería teñen por obxectivo contribuír “á modernización de prazas de abastos e mercados para adecualos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”.
Neste sentido, Balseiro incidiu na “importancia estratéxica que teñen estes espazos, que a miúdo xeran actividades complementarias ao seu redor, contribúen á dinamización económica e social de vilas e cidades e son unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, da horta e da gandaría”.
Balseiro sinalou que os proxectos que se impulsan servirán para “modernizar a imaxe, dotacións e instalacións dos distintos mercados”. Así, Portomarín recibirá 36.000 euros para acondicionar un espazo multifuncional á vez que se rotula o exterior. As actuacións en Lugo, para as que se achegan 14.400 euros, teñen que ver coa mellora da seguridade e salubridade no mercado e na praza de abastos.
Cospeito recibe 12.000 euros para obras de remodelación do inmoble e das instalacións do recinto feiral de Feira do Monte, e Pedrafita do Cebreiro 20.000 euros para acondicionar o edificio principal do mercado e introducir melloras noutras construcións no mercado ambulante.
Estas achegas enmárcanse na convocatoria de axudas aos concellos, asociacións e ás asociacións e ás cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia. En todos os casos descritos, a consellería financia o 50% do custe das actuacións, a porcentaxe máxima establecida nas bases.