O Concello de Cospeito rescindirá o contrato á empresa redactora do Pxom
A comisión de urbanismo informativa do Concello de Cospeito acordou incoar a resolución do contrato administativo coa empresa encargada da redacción do Plan Xeral do Concello de Cospeito, a cargo de Estudios y Proyectos del Noroeste.
Os tres partidos presentes na comisión estiveron de acordo en tomar esta medida polos continous incumprimentos de prazos que se están a dar por parte do equipo redactor.
O Pxom de Cospeito estivo en exposición pública durante os primeiros meses do ano pasado, tendo que se interrompido este polo confinamento decretado no mes de marzo, xusto cando faltaba unha semana para rematar este tempo de recepción de alegacións.
Finalmente o 8 de xullo deuse por terminado esta fase deixando tres meses para contestar as alegacións, tal e como figuraba no contrato. "Levamos moito máis de tres meses agardando, pero non é o primeiro incumprimento de prazos", explica o alcalde, Armando Castosa.
Engade o mandatario que "tiñamos dúas opcións, ou propoñer unha resolución de contrato ou impoñer penalidades pero optamos pola primeira vía porque non sabemos os motivos polos que se producen estes retrasos e non se quere facer dano, senón atopar unha vía de solución á situación".
É a Xunta de Goberno Local a encargada de cursar a resolución de contrato, porque só este organismo é competente para esta función. A continuación, como indica o alcalde, abrirase un novo proceso de licitación para convocar outra empresa para rematar o proxecto.
PSOE
Pola súa banda, a voceira socialista, Rosa Morán, que tamén se sumou a esta decisión, asegura que se preguntou en numerosas ocasións polo curso do Pxom "apremiando para que se aprobase inicialmente antes da entrada en vigor da Lei do Solo". Lembra que en todo momento o alcalde respondeu alegando que todo transcorría con normalidade. "Agora vemos que se presentaron durante este tempo un montón de requerimentos e actuacións das que o alcalde non informou malia ter preguntado en innumerables ocasións", di.
"Ademais, dende a Xunta explicaron de que en todos os informes avaliados polos técnicos autonómicos puxeron pegas ao Plan Xeral presentado polo Concello. Preguntamos si se correxira e a resposta do alcalde sempre era que non sabía do que falábamos", engade a concelleira.
"Asegurounos que todo estaba correcto e por iso votamos a favor para que saía adiante por unanimidade o Plan porque nos parecía importante pero advertimos que non se axustaba á lexislación vixente aínda que había compromiso de solucionalo. Trala exposición ao público, e por falta de resposta da empresa sobre as mesmas, foi cando o alcalde empezou a falar de que a empresa estaba incumprindo os acordos e dende facía tempo", explica.
A voceira socialista asegura que "se negou a evidencia durante moito tempo e se nos ninguneou cando quixemos aportar as nosas ideas", aínda así acordaron "aprobar as medidas que tome o concello porque hai que darlle unha resposta aos veciños, así como soluciar os problemas que ten este documento, pero levamos 20 anos de total abandono e de ocultación da información á oposición".
BNG
"Por parte da Xunta no 2016 xa se lles fixo unha apreciación pola súa tardanza e se lles indicou que si non cumprían as esixencias había que rescindir o contrato. Déronnos evasivas dicindo que todo estaba ben e aquí estamos de novo na mesma situación, por eso é importante por parte de secretaría dicirlle que ou cumpre os prazos ou se lles recinde o contrato", indica a voceira nacionalista Yolanda García.
Explica tamén que "non só somos nós, hai requerimentos doutras adminsitracións ou organismos como Patrimonio ou a Confederación, que lles requiren información e que non a fan chegar".
"A nosa postura é clara, ser firmes. Non se pode dar un traballo a un equipo que por desidia ou por falta de capacide económica ou humana non o pode sacara adiante". Indica tamén a nacionalista que hai fallos do equipo redactor, correspondentes a cuestións que non se axustan de todo á lei ou mesmo erros na cartografía.