O Concello de Cospeito rescindirá o contrato coa nova adxudicataria do PXOM de mútuo acordo

TerraChaXa
O Pleno de Cospeito aceptou a notificación do Concello da rescisión, de mútuo acordo, do contrato coa nova empresa adxudicataria do PXOM.
concello cospeito
7 Dec 2022

O Pleno de Cospeito aceptou a notificación do Concello da rescisión, de mútuo acordo, do contrato coa nova empresa adxudicataria do PXOM. Esta decisión tomouse tras os traballos preliminares levados a cabo cando se produxo a nova adxudicación e a empresa asegurou que a situación coa que se atopou require máis traballo do previsto, o que non cubre a cuantía da adxudicación.

Este punto foi tratado no Pleno a instancias do PSOE, que recibiu en días previos a comunicación da rescisión do contrato. Esta foi a única empresa que concursou na anterior adxudicación e segundo avanzaron, o obxectivo é volver a licitalo pero aumentando a cuantía.

Para o PSOE "estamos de novo a cero no trámite do PXOM o que supón unha enorme decepción, non só para nós senón tamén para os veciños que presentaron as súas alegacións. Mentres tanto, no rural do Concello non se pode edificiar o que favorece a que sega a desertización da zona", explica a dirixente socialistas, Rosa Morán.

Outro dos temas de actualidade que se trataron foi a xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Os socialistas preguntaron se o Concello se daba por satisfeito coa contestación da empresa sobre os traballos e melloras realizadas no servizo ao que o grupo de Goberno contestou afirmativamente.

"Ben é certo que a base de insistir conseguimos que esta empresa incorporase servizos que prometera e non tiña, como o de podoloxía. Agora afirman que está todo correcto e que están cumprindo co contrato aplicando as subas no salario do persoal necesarias", explica Morán. Afirmaron ambos grupos que seguirán vixilando que se cumpra.

En temas sanitarios volveuse falar da consulta do soto do centro de saúde da Feira do Monte, que tras varias intervencións en diferentes plenos, existe o compromiso do alcalde de arranxar a estancia un venres deste mes. Será unha solución provisional mentres non se acometan melloras por parte do Sergas. Tamén chegaron a un acordo unánime para que se instase á Xunta a non perder o servizo de pediatría que leva funcionando uns vinte anos na localidade. "Temos á titular de baixa e queremos que se cubra a súa praza porque a baixa vai ser longa e non queremos quedarnos sen consulta", dixeron.

O PSOE volveu levar ao Pleno a situación da empresa Biocompost en Cospeito. Este tema lévase arranstrando dende o ano 2017, cando os socialistas alertaron de que esta empresa non estaba pagando o IBI como o resto. A partir desa situación seguiron investigando e descubriuse que no Catastro está rexistrado ao seu nome unha gran parte do monte comunal, "situación que aínda non se correxiu". Solicitaron por tanto a documentación de que a empresa fixera algún avance sobre esta xestión e que o Concello tome parte nesta situación como parte interesada para axudar aos veciños.

No relativo a temas de traballos pendentes, o Concello informou a preguntas do PSOE de que non se repuxeron contedores nalgúnhas parroquias e que en breve se arranxarán os cristais da Escola de Cospeito que non se repuxeron na última intervención, realizada tamén a instancias dos socialistas.

Tras facer unha análise das accións que se desenvolveron polo 25N e contra a violencia de xénero en xeral, rematouse a sesión falando do estado das pistas polo traballo dos madeiristas.

Explicou Rosa Morán no Pleno que moitas delas seguen quedando desfeitas. Falou do caso dunha casa en Pino que quedou sen acceso, xa que non pasa nin un tractor. "É terreo municipal e ten que estar en condicións", di Morán, que especifica que "é difícil saber todos os puntos onde se cortan árbores e que existe unha normativa pero temos que estar vixilantes con esto, temos unha ordenanza si, pero temos que aplicala".

0.19914793968201