O Concello de Cospeito saca a licitación a xestión do miradoiro da Feira do Monte
O Concello de Cospeito anunciou a convocatoria para a concesión demanial destinada á explotación do miradoiro de Feira do Monte como bar-cafetería. Este proceso busca promover a dinamización deste espazo emblemático, cunha oferta que permita aproveitar o seu potencial como punto de encontro e goce para veciños e visitantes.
As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 15 días naturais para presentar as súas ofertas, contando desde a publicación do anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público, que tivo lugar o pasado 6 de decembro de 2024. Deste xeito, o prazo estará aberto ata o 20 de decembro de 2024.
As propostas deberán presentarse exclusivamente a través da mencionada plataforma, garantindo así un proceso transparente e accesible para todos os aspirantes. Para máis información, recoméndase consultar a Plataforma de Contratación do Sector Público ou contactar co Concello.
Na convocatoria explícase que os licitadores deberán visitar a instalación con carácter previo á presentación da oferta, polo tanto o Concello estableceu un horario de visita, os luns, mércores, xoves e venres de 10:00 a 14:00 horas, previo aviso nas oficinas xerais do Concello, no teléfono 982 520 001.
Trátase dunha edificación de planta semisoto, planta baixa e parte de cuberta plana para miradoiro, con cerramentos exteriores de pedra de cachotería cara vista. A superficie total da edificación conforme aos datos catastrais consultados na oficina virtual de catastro é de 89,00 m/2 de ocupación en planta, polo que a superficie construída total do inmoble considerando as tres plantas, planta soto destinada a almacén, a planta baixa a cafetería e a planta a terraza exterior descuberta é de 267 m2.
O obxecto da concesión refírese unicamente á planta s0to do inmoble cun uso de almacén e á planta baixa de cafetería.
A totalidade da superficie deberá ser dedicada unicamente á actividade de bar- cafetería, así como revitalizar e dinamizar turisticamente o municipio, dada a súa situación e as súas características que fan deste espazo un lugar determinante para a potenciación socioeconómica e turística do municipio.