O Concello de Cospeito supedita a nova contratación da redacción do PXOM á aprobación do orzamento
O Pleno de Cospeito do mes de xaneiro volveu centranse nas demandas socialistas, xa que a orde do día recollía un único punto, o inventariado duns terreos e camiños da zona do parque biosaudable.
Na sesión, os socialistas volveron insistir en temas demandados en anteriores plenos. Así, o alcalde anunciou, a preguntas da oposición, que volverá contratarse unha nova empresa para a elaboración do PXOM trala ruptura de mutuo acordo coa segunda empresa poucas semanas despois de gañar o concurso.
Armando Castosa asegurou que están á espera de aprobar os orzamentos municipais para ter unha partida destinada a tal fin. Ademais dixo que se están a pedir uns informes para poder ofrecer unha situación real de como está o trámite antes de sacar a licitación.
Por outra banda, o PSOE recoñeceu o traballo realizado de adecentamento da consulta médica do soto do centro de saúde da Feria do Monte, pero asegurou que agora hai goteiras noutras consultas do piso alto e pediu ao Concello que axilizase un acordo coa Consellería para que se faga unha reforma integral “porque estes apaños son temporais e necesítase un traballo máis completo”.
Tamén se volveu falar do SAF. O PSOE preguntou polo convenio coa Xunta para vixiar que a empresa adxudicataria cumpra co establecido por contrato. O Concello dixo que aínda non tiña resposta do Goberno autonómico mentres que a voceira, Rosa Morán, recordou que “hai que estar vixilantes, xa que é a insistencia a que fixo que se implantasen servizos que había no contrato e que non se estaban dando”.
Sobre a situación catastral da empresa Biocompost, que ten ao seu nome terreos propiedade do monte comunal por un erro administrativo, aseguran que se segue a tramitar a reclamación. “Faltou que o Concello se involucrase máis”, dixo Morán, quen tamén afirmou que “seguimos pendentes de que se certifique que a empresa está a cumprir os requisitos do seu contrato, porque non vemos que sexa así”, repetiu de novo.
O PSOE preguntou tamén pola indemnización que deberá pagar o Concello a unha veciña que caeu na rúa. Asegurou o alcalde que o seguro de Responsabilidade Civil se fará cargo do pago e que non se seguirá apelando a outros organismos.
OBRAS
A instancias dos socialistas tratouse tamén sobre o estado no que se atopa unha cuneta no barrio do Carboeiro de Muimenta, que cando se arranxou a ponte de acceso e a estrada, quedou moi profunda e cando hai crecidas como en días pasados resulta un perigo. O alcalde aceptou a proposta e adiantouse que se intervirá para sinalizar a zona ou poñer unha barandas para seguridade.
Tamén respondeu o Goberno local que se pediron as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixida a arranxar unha casiña das mulleres rurais da rúa Daniel Castelao. Ademais aseguraron que pediron tamén unha subvención da partida para a creación e/ou mellora de infraestructuras, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais pero que “aínda non teñen decidido para que se empregará”.
Así mesmo, deuse conta da nova instalación situada no parque biosaudable, que servirá para xogar á petanca, unha actuación dentro dun proxecto máis grande dirixido á terceira idade.
Aclarou Castosa que non se detectaron desperfectos polo temporal pero que se segue a revisar e acordouse demandar á Deputación que repare de forma urxente a estrada que vai da Millarada a Ponte Vilar, no lugar da Arieira Bestar, porque está intransitable e chea de furados.
Finalmente o PSOE presentou un rogo para que se cubra o acceso de entrada do colexio de Virxe do Monte para evitar que os pequenos se mollen ao saír do bus, pero o grupo de Goberno respondeu que este centro estaba como moitos outros colexios e que non vía a necesidade de facer tal reforma.