O Concello de Foz aproba unha declaración institucional en defensa de Alcoa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Pleno da corporación municipal de Foz celebrado onte aprobou por unanimidade unha declaracións institucional en defensa da factoría Alcoa, de San Cibrao.
6 Xuño 2020

O Pleno da corporación municipal de Foz celebrado onte aprobou por unanimidade unha declaracións institucional en defensa da factoría Alcoa, de San Cibrao.

O alcalde, Fran Cajoto, valorou positivamente “a actitude de todas as forzas políticas no tocante á situación de Alcoa. Aprobamos por unanimidade o mesmo texto que fora consensuado por todos os concellos no marco da Mancomunidade da Mariña: esiximos á empresa que rectifique no seu proceso de parado de cubas, ao Goberno Central que aprobe o estatuto e convoque a mesa multilateral –cuestión xa anunciada polo secretario xeral de industria, Raúl Blanco- e que a Xunta, con competencias exclusivas en Industria, apoie e incentive a renovación da planta e dos procesos industriais”.

Por outra parte, a tenente de alcalde Inés López Couto transmite “unha fonda decepción coa actitude do Partido Popular en outros asuntos capitais que se levaron a pleno. O PP abstívose na aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito, do cal un terzo corresponde ao propio PP, que gobernou o primeiro semestre do 2019, cando as partidas deberían ter fondos suficientes. Isto é unha mostra máis de como a xestión importaba ben pouco. Certamente o portavoz e anterior alcalde falsea a realidade: o Concello de Foz durante o seu mandato non pagou nin un só euro das cantidades que se lle adebedaban a Viveiro para que os nosos estudantes puidesen facer o Selectivo na comarca da Mariña. Non abonou a factura que lle remitiu o Concello de Viveiro polos últimos exercicios de Rivera e non pagou nin unha soa das anualidades do seu mandato, situación que afortunadamente corriximos”.

Fran Cajoto engade que “foi o pleno da abstención, da indefinición do Partido Popular. Gustaríanos ter o poio do PP para esixirlle ao Sergas e á Xunta de Galicia o reforzo do cadro de persoal médico do noso centro de saúde e do Hospital da Costa, pero non foi posible. Estamos certamente preocupados por que en situación de pandemia non se dote de persoal suficiente para o verán aos centros sanitarios, cando triplicamos poboación”.

Por último o alcalde de Foz destaca a negativa do BNG e do PSOE a un rogo do Partido Popular “no que introduciron unha declaración de intencións, unha proposta política para un plan de axudas polo COVID-19. O Concello de Foz leva varios meses sacando medidas dentro do seu propio plan Post-COVID. Remitírona tarde, sen fundamento ningún, sen ningún tipo de análise nin cálculo e confundindo conceptos como o superávit e os remanentes. É curioso que o PP pida usar os remanentes, o cal non é posible legalmente. Cando lle preguntamos por que non os usou durante o seu mandato, obtivemos de novo o silencio por resposta”.

0.21446394920349