O Concello de Foz retoma as obras nas parroquias rurais
A partir de hoxe, luns, e durante os vindeiros días desta semana o Concello de Foz retoma a execución de obras que se estaba realizando en varias parroquias rurais do municipio.
O alcalde, Fran Cajoto, anunciou que “hoxe reiniciáronse na parroquia de Cangas as obras no camiño de Alemparte, entre a Nacional 642 e o Camiño Real, onde están a piques de rematar os traballos para mellorar o abastecemento de auga e despois procederase ao asfaltado do viario. Esta actuación está financiada con 48.000 euros de fondos propios e consiste na renovación da tubaxe de abastecemento de auga, substituíndo a anterior condución por unha canalización de PVC de 75 milímetros de diámetro e 10 atmosferas de presión, o que evitará as continuas roturas que se estaban a producir nesta canalización. E ademais inclúe o aglomerado en quente do camiño con mestura bituminosa tipo D-12 e a disposición da sinalización necesaria”.
E durante os vindeiros días desta semana retomaranse as obras de limpeza de cunetas e de mellora do firme con aglomerado en quente de varios camiños de parroquias do rural con cargo ao Plan Único 2019. “A limpeza de cunetas e o asfaltado xa están rematados no barrio de Chao (parroquia de Santa Cilla) e agora continuarase co resto de actuacións que estaban previstas: en San Martiño no camiño Río - O Carme; en Cangas no camiño Alemparte – Vilamor; na parroquia de Nois nos viarios Apeadoiro - Carpacide e Cabanas – Lamallada; e tamén no camiño Bargado – Lousada, en Fazouro. Estas actuacións completan un total de máis de 279.000 euros de investimento financiados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único 2019”, engadiu o rexedor municipal focense.
Para rematar o alcalde de Foz quere trasladar as súas desculpas polas molestias que se poidan ocasionar durante o transcurso das obras e pide extremar a precaución mentres estean as máquinas traballando.