O Concello de Foz suspende as festas ata outubro pero reforzará a programación cultural

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Foz anuncia a suspensión das festas e eventos multitudinarios en todo o municipio ata o mes de outubro, pero reforzará a programación cultural na vila e nas parroquias con numerosos actos e novidades como cine ao aire libre.
Captura de pantalla 2020 09 04 a las 15.52.36
16 Maio 2020

O Concello de Foz anuncia a suspensión das festas e eventos multitudinarios en todo o municipio ata o mes de outubro, pero reforzará a programación cultural na vila e nas parroquias con numerosos actos e novidades como cine ao aire libre.

“Estamos nunha situación completamente excepcional, de privación da liberdade individual para garantir a saúde pública do conxunto da poboación”, explica o alcalde de Foz, Fran Cajoto, que especifica que o Concello de Foz toma esta decisión “por unha tripla motivación:

- Responsabilidade: a prioridade deste goberno desde o inicio da crise sanitaria foi a saúde das súas veciñas e veciños. Non é posible limitar o aforo dunha verbena nin manter o distanciamento físico que esixen os protocolos sanitarios do virus COVID-19. Outras cidades e vilas como Madrid, Pamplona ou recentemente Viveiro, co Resurrection Fest, están tomando medidas na mesma liña.

- Seriedade: o Concello de Foz habitualmente triplica a súa poboación en verán. Desde o goberno municipal estamos adoptando de forma seria todas as medidas que están na nosa man para conciliar o motor económico que supón o turismo, pero sempre priorizando a saúde pública.  Dende o inicio da crise sanitaria o Concello é descoñecedor dos datos da incidencia real no municipio do COVID-19. A Xunta de Galicia, administración que obtén eses datos gracias ao sistema sanitario da comunidade, non envía esta información, negando a posibilidade de estudiar as medidas a levar a cabo coa base real da incidencia coñecida.

- Seguridade: a seguridade sanitaria nun evento de aforo libre non é posible ante a ausencia dunha vacina, seguridade que debemos trasladar desde o Concello tamén ás distintas comisións de festas, que fan un traballo excepcional. Esiximos o apoio da administración autonómica: a nosa asistencia sanitaria, xa de por si insuficiente ao longo do ano -centro de saúde con pouco persoal, Hospital da Costa ampliado en metros pero non en profesionais…- vese superada en verán, cunha afluencia de visitantes que non se suple co único reforzo de un profesional no centro de saúde”.

O rexedor municipal focense engade que “toca reinventarse. É preciso ser responsable, tanto por parte da administración coma do cidadán. E niso debemos ir todos xuntos. É por isto que se deben repensar as formas de ocio que coñeciamos, as aglomeracións deben evitarse e as distancias respectarse, e temos que facelo intentando simplificalo para todos. O Concello de Foz anuncia unha reforzada programación cultural en substitución deste tipo de actos”.

O concelleiro de Cultura, Héctor Moris, explica a programación na que está traballando dende hai tempo, que se desenvolverá tanto ao casco urbano como ás parroquias do municipio:

- Como gran novidade, cine ao aire libre, cunha carteleira variada e actual, que se proxectará no núcleo e no rural do noso concello.

- Ciclo de teatro coa actuación dos grandes actores da zona, coñecidos por todos.

- Festival Bal y Gay de música clásica, que está acadando gran renome a nivel nacional.

- Sons na Rúa, sempre que as medidas de seguridade sanitaria o permitan.

- Actuacións da Banda de Música Municipal

- Pequenas actuacións musicais simultáneas de ambientación das nosas rúas.

Héctor Moris engade que “o fundamento desta programación, que se poderá ampliar ou ver modificada, é poder desfrutar dunhas actividades de calidade cun aforo controlado, en actuacións onde o público estea sentado e se poda garantir o distanciamento físico”.

Para rematar Fran Cajoto destaca que “estas medidas compleméntanse con cortes parciais de tráfico durante os meses de verán, de forma que se eviten concentracións e se facilite a recuperación económica. É momento de ser responsable e valente nas decisións e en levalas a cabo. Isto superarémolo xuntos”.

0.080166101455688