O Concello de Friol acada os 5,3 millóns de euros de orzamento para este ano

O equipo de goberno de Friol, liderado polo alcalde José Ángel Santos, presentou uns orzamentos ambiciosos para o presente ano, destacando especialmente a partida destinada a investimentos en beneficio da veciñanza. Nos últimos anos, o orzamento inicial do Concello mantén unha tendencia ascendente grazas ás políticas desenvolvidas polo goberno municipal. Así o reflicten os datos económicos: en 2023 o exercicio iniciouse con 4.265.000 euros, en 2024 ascendeu a 5.205.300 euros, e este ano, por segundo exercicio consecutivo, supéranse os cinco millóns de euros, alcanzando 5.315.000 euros, o que supón un incremento de máis dun millón de euros respecto a 2023, marcando un récord na historia de Friol.
O proxecto orzamentario está deseñado para garantir os mellores servizos á cidadanía, impulsar proxectos de investimento, dinamizar o tecido produtivo local e favorecer as transaccións comerciais entre particulares. O capítulo de gasto corrente en bens e servizos representa o 46,24% do total (2.457.731,35 euros), incluíndo o mantemento das vías municipais cunha partida específica de 738.626,49 euros en infraestruturas. Tamén se prevé o mantemento da rede de abastecemento de auga, a xestión de residuos, a limpeza viaria e a modernización do alumeado público.
En canto á promoción da educación, cultura e deporte, destínanse 1.040.983,28 euros, un incremento de máis de 400.000 euros con respecto ao exercicio anterior. Esta partida cobre necesidades do Centro Público Integrado Doctor López Suárez, o Punto de Atención Infantil, o servizo de Madrugadores, así como diversas actividades culturais e deportivas, entre elas a Festa dos Maiores, a excursión para maiores, a Feira do Queixo e do Pan de Ousá, o Friulio e outras iniciativas que fomentan a participación social.
En política social, destínanse 1.053.646,87 euros ao servizo de axuda no fogar, incluíndo atención a persoas dependentes e non dependentes, supoñendo preto do 20% do orzamento total. O Servizo de Atención Temperá, que conta con catro profesionais (psicólogo, enfermeiro, logopeda e terapeuta ocupacional), atende a poboación infantil de Friol, Begonte, Guntín, Palas de Rei e Rábade, cubrindo necesidades de nenos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos.
O Concello tamén fai un importante esforzo en transferencias correntes, cunha partida superior aos 130.000 euros, destinada a axudas como subvencións para o consumo eléctrico en vivendas illadas, axudas á natalidade, apoio a persoas en risco de exclusión social, prevención de condutas aditivas, subvencións a asociacións culturais e deportivas, así como o mantemento das festas populares nas parroquias.
En canto a investimentos, o orzamento inicial ascende a 1.282.858,41 euros, un incremento de 403.332,25 euros respecto ao ano anterior, con previsión de ampliación grazas á colaboración con outras administracións. Entre os proxectos máis destacados inclúense a construción dun local social en Narla (Eirexe), a mellora da rede viaria municipal, o aforro enerxético no alumeado público e a renovación dos parques infantís Rosalía de Castro e Félix Rodríguez de la Fuente.
O orzamento de 2024 pechouse con 5.837.528,51 euros, tras diversas modificacións derivadas da xestión municipal, o que supón unha diferenza de 632.228,51 euros con respecto á previsión inicial. Se esta tendencia se mantén, o orzamento de 2025 podería pecharse arredor dos seis millóns de euros, consolidando un modelo de xestión que aposta polo crecemento e a mellora dos servizos municipais.