O Concello de Friol adxudica obras por valor de 300.000 euros
O Concello acaba de adxudicar varias obras entre as que se atopa a mellora de accesibilidade na Casa do Concello, a substitución de cuberta e mellora das instalacións do Pavillón Polideportivo e a mellora e mantemento do vial municipal que une as parroquias de Roimil e Rocha.
Así, vén de adxudicar as obras de mellora de accesibilidade na casa do concello, nas que se investirán 65.000 euros. A empresa adxudicataria foi García e Sánchez de Melide SL.
Na proposta seleccionada reducirase o prazo de execución dos traballos en tres semanas, os cales deben estar terminados antes de final do mes de outubro, e o prazo de garantía será de dez anos. Estes traballos que levarán a cabo para facilitar o acceso ao edificio engloban a instalación dun ascensor no interior da Casa do concello, o que evitará ter que subir e baixar as escaleiras que actualmente son inevitables. Tamén se realizará un acondicionamento do exterior, mediante instalación de ramplas, que eliminen as barreiras arquitectónicas existentes, as cales impiden ou dificultan o acceso a persoas con mobilidade reducida e mesmo de cadeiras de bebés.
Outro dos proxectos adxudicado é a Substitución de cuberta e mellora das instalacións do pavillón polideportivo CPI Dr. López Suárez que foi adxudicado á empresa Construccións M. Espiño SL, de entre unha decena de opcións presentadas. Na proposta seleccionada o prazo de garantía será de dez anos, a empresa en cuestión comprométese a realizar unha serie de melloras indicadas nas cláusulas administrativas da licitación das obras e comprométese a reducir o prazo de execución en oito semanas tendo que estar terminadas antes de novembro. Supón un investimento de case 100.000 euros mediante un convenio entre o Concello de Friol e a Consellería de Deportes da Xunta de Galicia.
Trátase da substitución da cuberta principal e canlóns, aplicación de pintura no interior das instalacións, substitucións dos canlóns de zinc en cuberta baixa lateral, execución dunha drenaxe perimetral e substitución de chans e paredes en duchas dos vestiarios, así como limpeza de manchas de humidade e acumulación de verdín sobre o cerramento exterior.
Outro dos contratos adxudicados recentemente é o das obras de mellora e mantemento da vía municipal que une as parroquias de Roimil e Rocha á vez que é a estrada vertebradora entre a estrada Friol – Parga e Friol- Sobrado dos Monxes, cuxa empresa adxudicataria foi Cholo SL. Esta oferta presenta un prazo de garantía de cinco anos e comprométese a realizar as dúas melloras reflectidas no prego. Neste proxecto invístense uns 90.000 euros cos que se pretende acondicionar case tres quilómetros de pista, moi necesarios para os habitantes de Friol.
O alcalde, José Ángel Santos sinala “desde o Concello executamos estas importantes inversións, cun esforzo económico para esta administración, porque dende ou equipo de Goberno apostamos pola dinamización da poboación e a posta ao día, así como facilitar o acceso ás oficinas municipais, mellorar as instalacións deportivas e seguimos mellorando as vías municipais co que tentamos axudar á nosa xuventude, ós nosos maiores e a toda a veciñanza en xeral. Debemos coidar estes aspectos, que son fundamentais para axudar a fixar poboación no medio rural, e este tipo de proxectos son un paso mais cara conseguir ese fin”.