O Concello de Friol celebra o sábado a segunda edición da Poxa de Gando Frisón
Friol celebrará a súa segunda Poxa de Gando Frisón este sábado 21 de outubro, a partir das 12:00 horas, no mercado gandeiro de Friol. Despois do éxito da primeira edición realizada en novembro do pasado ano, dende o Concello decidiron apostar por celebrar unha segunda edición.
Será unha poxa de gando frisón organizada en colaboración con Africor Lugo, que se encargará da selección dos animais, as probas sanitarias, pelado dos animais, coidado dos mesmos durante a feira e realización da poxa.
Na pasada edición vendéronse os 18 animais sacados á pista alcanzándose un volume de ventas duns 60.000€, con un prezo medio por cabeza de 3.000 euros.
Pola súa banda, o presidente de Africor Lugo, Manuel Sandamil, recalcou a importancia das poxas como a do próximo día 21 poden ter para o sector gandeiro, xa que se poñerán á venda animais cuxa calidade está garantida por pasar todos os controis que realiza Africor. A celebración da poxa, ademais, ten para Sandamil os alicientes de celebrarse nun mercado gandeiro con excelentes condicións e nunha zona na que a gandería de leite ten moita importancia. Por iso, mostrouse convencido de que a poxa vai consolidarse en Friol nesta segunda edición.
O alcalde friolés, Jose Á. Santos, quere “agradecer a Africor e a todas as gandarías que participaron na pasada edición, por facer que fose un éxito, agardando que esta sexa tan boa ou mellor que a anterior, xa que este evento está dedicado á promoción do sector lácteo de Friol, moi importante no noso municipio, polo que debemos apoialo, ao igual que intentamos facer co gando vacún de carne, coa celebración da feira e poxas que realizamos o mes pasado”.