O Concello de Friol conclúe a rehabilitación integral do Centro Social de Vilalvite

LugoXa | TerraChaXa
O proxecto contou cun investimento de 47.000 euros, financiado maioritariamente pola Xunta, e busca dinamizar a vida comunitaria da parroquia
Centro-Social-de-la-Parroquia-de-Vilalvite-Friol
18 Aug 2025

O Concello de Friol anunciou a finalización das obras de rehabilitación integral do Centro Social da Parroquia de Vilalvite, unha intervención que supón un paso fundamental para fortalecer a vida comunitaria da zona. O proxecto contou cun investimento total de 47.000 euros, dos cales o 90 % foi financiado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

A última fase incluíu a instalación de subministración de auga mediante perforación, o remate dos acabados interiores e a pintura exterior, dotando ao centro das condicións necesarias para acoller unha ampla variedade de actividades sociais, culturais e lúdicas.

O alcalde, José A. Santos, destacou que “este espazo renovado está pensado como un punto de encontro onde veciños e veciñas poidan compartir, aprender e crecer xuntos, promovendo o espírito de comunidade que tanto nos define”.

Segundo indicou o rexedor, o novo Centro Social converterase nun referente para a dinamización da vida local, favorecendo a organización de eventos e programas que impulsen a participación cidadá e a cohesión social.

Santos aproveitou ademais para agradecer o apoio económico da Xunta de Galicia, subliñando que “grazas a esta colaboración poderemos ofrecer un espazo con todos os servizos necesarios para o benestar da nosa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.17109799385071