O Concello de Friol convoca a adxudicación dun espazo vacante no viveiro de empresas

TerraChaXa
O
Edificio de usos múltiples do Concello de Friol
14 Out 2017

O BOP publica este sábado a convocatoria do Concello de Friol para a adxudicación do espazo vacante no viveiro de empresas na nave de usos múltiples do Parque Empresarial.

Trátase do local número 2 cun total de 354,50 metros cadrados construídos, cunha superficie útil de 330 metros cadrados, distribuídos en 262,23 metros cadrados de planta baixa e 68,35, de planta alta. Ademais, as superficies comúns son as correspondentes á parte da parcela non edificada ou sexa 591 metros cadrados.

Segundo recolle o BOP deste sábado 14 de outubro, poderán ser beneficiarios ou beneficiarias persoas emprendedoras, ben autónomos ou autónomas ou empresas que aínda non se constituíran, pero que prevean facelo no prazo máximo de 3 meses ou constituídas en menos de 6 meses dende a data de solicitude de acollemento. En calquera dos casos, deberán ter enderezo social e fiscal no Concello de Friol.

As empresas adxudicatarias dos locais que se poñen á súa disposición, tanto a nave vacante coma as outras tres xa adxudicadas, deberán aportar un importe que será o resultante de aplicar a conta de 0,4 euros por metro cadrado útil cada mes. E a duración do contrato será por 12 meses prorrogables a outros 12.

Entre os criterios que establece a cláusula 11 da ordenanza reguladora atópase a viabilidade técnica e económica da actividade (5 puntos), o nivel de creación de emprego (1 punto por contrato ata un máximo de 5 puntos), empresa nova (3 puntos), empresa recente (ata tres meses 2 puntos e a partires de 3 e ata 6 meses 1,5 puntos), promotores veciños de Friol (2 puntos), de concellos limítrofes (1 punto), promotores en situación de desemprego (1 punto), promotores desempregados de longa duración, colectivos con especial dificultade de inserción no mercado laboral, mozos menores de 30 anos, mulleres maiores de 45 anos e colectivos en exclusión social (1 punto).

A solicitude, farase segundo o modelo normalizado que recolle o BOP no ANEXO, ante a secretaría achegando tamén unha memoria descritiva da actividade que avale a súa viabilidade económica e técnica, o currículo vitae, vida laboral, certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias e fotocopia do DNI. Os interesados e interesadas dispoñen dun prazo de 30 hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación, é dicir, o prazo pecha o luns 27 de novembro.

Lista de espera
As solicitudes que cumprindo os requisitos non fosen seleccionadas, pasarán a formar parte dunha lista de espera que se aplicarán no caso de vacantes. A lista de espera terá validez por 24 meses.

0.19004392623901