O Concello de Friol implanta o Servizo de Madrugadores

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Friol decide implantar o Servizo de Madrugadores para os alumnos e alumnas do C.P.I. Doutor López Suárez.
madrugadores friol portada
21 Ago 2021

O Concello de Friol aposta por intentar facilitar a conciliación da vida familiar e laboral dos habitantes do seu pobo, e para iso leva a cabo, este curso que vai comezar o próximo mes de setembro, un servizo de Madrugadores, do que se poderán aproveitar as familias con alumnos e alumnas matriculados no CPI Doutor López Suárez de Friol.

Este servizo estará en funcionamento durante todo o curso 2021-2022, dende as 7:45 ata as 9:45, que é cando xa comeza a xornada escolar. Levarase a cabo dentro do recinto escolar, e haberá persoal suficiente encargado de atender as necesidades dos usuarios, polo que as familias poden deixas os nenos ou nenas cando o necesiten e xa irían para a clase correspondente cando comece o horario lectivo do centro, ás 9:45, como xa se indicou.

Con este xesto, o Concello de Friol segue apostando por dar servizos de calidade ás familias do municipio, e tamén ás que decidan vir vivir ao pobo e matricular aos seus fillos e fillas no centro escolar público de Friol.

O Servizo de Madrugadores será subvencionado polo Concello, tendo que pagar cada persoa interesada en facer uso do mesmo a cantidade de 80 € por todo o curso escolar 2021-2022.

O prazo para inscribirse en este servizo comezará o vindeiro día 24 de agosto e pecharase o día 3 de setembro. Pode realizarse a inscrición nas oficinas do Concello de Friol, ou a través do correo electrónico info@concellodefriol.es. O impreso de solicitude de inscrición pode atoparse na páxina web do Concello.

O Servizo de Madrugadores proposto levarase a cabo sempre que haxa un mínimo de inscritos suficientes para formar un grupo, polo que a admisión definitiva estará condicionada a esta consolidación de grupos. De non ser posible a creación de un grupo, informarase ás familias dos solicitantes, non existindo compromiso nin responsabilidade algunha por parte do Concello de Friol de garantir a realización do presente Servizo.

O Alcalde de Friol, Jose Ángel Santos, di que “dende o Equipo de Goberno apostamos por impulsar este tipo de servizos, que xunto co Punto de Atención á Infancia, conseguen que as familias teñan un pouco máis fácil poder conciliar a vida familiar e laboral”, “tamén queremos agradecerlle, ao novo director do centro escolar, Felipe Barata, todas as facilidades aportadas ao Concello para que este servizo poida levarse a cabo”, engade o rexedor.

servizo madrugadores friol
0.23478293418884