O Concello de Friol realizará melloras no centro de saúde

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería de Sanidade e o Concello de Friol veñen de asinar un convenio para investir 24.000 euros en obras de reforma no Centro de Saúde.
Exterior Centro Saude friol
12 Maio 2021

A Consellería de Sanidade e o Concello de Friol veñen de asinar un convenio para investir 24.000 euros en obras de reforma no Centro de Saúde do municipio.

Este edificio é propiedade do Concello de Friol, polo que con este convenio conséguese a metade da aportación por parte da Consellería e a outra metade correrá a cargo dar arcas municipais.

A execución das obras está previsto que comece o antes posible, despois de que o Concello realice os trámites oportunos de contratación de execución das obras e consistirán en distintas actuacións do edificio, que co paso do tempo se foi deteriorando.

Unha das actuacións que se levarán a cabo será a substitución da carpintería exterior de aluminio. Tamén se realizará un retranqueo do tabique curvo de vidro tipo pavés para mellorar o acceso á consulta de pediatría e ampliar a sala de espera. Farase unha reparación de revestimentos vinílicos e tamén da pintura en zonas deterioradas. E por último, realizarase a substitución de persianas tipo venecianas que presentan deterioro.

Todas estas actuacións terán en conta o cumprimento dos requisitos básicos relativos á seguridade como son a seguridade estrutural, seguridade en caso de incendios, seguridade de utilización e accesibilidade, salubridade, protección fronte ó ruído, aforro de enerxía e illamento térmico, etc.

O alcalde, José Ángel Santos, destacou a importancia de esta obra "porque o edificio actual ten algunhas deficiencias que precisan ser arranxadas, en beneficio de toda a poboación do noso concello, e do persoal que traballa no mesmo todos os días".

O rexedor móstrase satisfeito e agradecido pola implicación da Xunta de Galicia, dado que esta é unha gran inversión no Concello de Friol, que beneficiará dun xeito moi importante ao Centro de Saúde do pobo e por suposto ás persoas e traballadores que asisten a el. 

0.19399499893188