O Concello de Guitiriz abre hoxe o prazo do servizo de conciliación para o curso 2020-2021
O Concello de Guitiriz abre hoxe, luns 22 de xuño, o prazo para enviar as solicitudes para participar durante o curso escolar 2020-2021 en Guitiriz Concilia, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar.
Esta actividade levarase a cabo no Ceip Lagostelle e hai a opción de Guitiriz Madrugador de 8 a 9:30 horas para atender aos nenos e nenas antes da entrada na escola e Guitiriz Tardes de 16 a 19 horas para o horario posterior ao colexio. Nos meses de xuño e setembro polas tardes comezará ás 15:15 horas.
As crianzas poderán participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas e estudar se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola natureza.
O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 31 de xullo e o servizo iniciarase o 15 de setembro. As familias interesadas poden presentar a documentación requirida a través da sede electrónica municipal, no correo electrónico info@concellodeguitiriz.com ou de xeito presencial con cita previa no 982 370 109.
Debido á situación excepcional xerada pola covid-19 o número de prazas e ratios pódese ver modificado ou alterado. No caso de que existan máis solicitudes que prazas terase en conta: familias nas que ámbolos membros parentais estean a traballar, familias empadroadas no Concello de Guitiriz e familias en situación de especial vulnerabilidade.