O Concello de Guitiriz adhírese ao protocolo de protección das vítimas de violencia de xénero

TerraChaXa
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se aprobou a adhesión deste municipio ao Protocolo para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.
IMG_20181129_110848_120
30 Nov 2018

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se aprobou a adhesión deste municipio ao Protocolo para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.

A subdelegada do Goberno felicitou á alcaldesa, Regina Polín, “pola sensibilidade que demostra ao tomar a iniciativa de adherir o Concello de Guitiriz ao Protocolo de colaboración para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero. Todas as institucións somos moi necesarias e a colaboración de todos, administracións, forzas de seguridade –as que agradezo o gran traballo que fan moitas veces con escasos medios- e cidadáns é fundamental para protexer ás vítimas”.

“Coa súa adhesión ao convenio de colaboración co Ministerio do Interior, o Concello de Guitiriz dá un paso máis na protección das vítimas de violencia de xénero deste municipio. Penso que é moi boa noticia porque as administración locais son a administración máis próxima aos cidadáns. Por iso, este Goberno deulle un novo pulo á loita contra a violencia de xénero e unha das primeiras medidas que tomou foi devolverlle competencias na materia aos municipios, dotándoos ademais de recursos económicos”, explicou Isabel Rodríguez.

Pola súa parte, a alcaldesa de Guitiriz destacou que “acabamos de conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero e sempre digo que esta loita non é cousa dun día. Pasado o 25 de novembro, hai que seguir actuando cada día ata que deamos acabado con esta lacra”. Regina Polín suliñou que “en Guitiriz, facémolo, na medida das nosas posibilidades poñendo a disposición os nosos modestos recursos, porque este é un problema que nos afecta a todos”.

DATOS VIOLENCIA DE GÉNERO
No sistema de Seguemento Integral (VIOGEN), o número total de casos activos de mulleres con domicilio en Guitiriz aos que realiza seguemento actualmente a Garda Civil é de 4. Delas, 2 están consideradas de risco baixo e outras 2 de risco non apreciado.
O número de denuncias por malos tratos presentadas en Guitiriz no que levamos de 2018 é de 6.

MELLORA A CRIMINALIDADE

A Xunta Local de Seguridade tamén analizou o estado da seguridade en Guitiriz. Segundo informou a subdelegada do Goberno, a evolución da delincuencia este ano é positivo, xa que entre os meses de xaneiro e setembro deste ano produciuse un descenso do 4,05% no número de infraccións penais denunciadas no municipio.

Segundo os datos da Garda Civil, nos tres primeiros trimestres do ano foron denunciadas 71 infraccións penais, 43 delas por delictos graves ou menos graves e 28 por delictos leves.

Este ano, ademais, aumentou a cifra de infraccións penais esclarecidas, pos nos nove primeiros meses do ano a Garda Civil logrou esclarecer 44, o que supón un 10% máis que no mesmo período de 2017. A Garda Civil tamén detivo 14 persoas e investigou outras 16 neste período de tempo.

CENTROS ESCOLARES

Na Xunta Local de Seguridade, a subdelegada do Goberno informou tamén que a Garda Civil impartiu no último curso académico 6 charlas en centros escolares de Guitiriz.

Concretamente, impartíronse 2 charlas sobre alcohol e drogas, 2 para a prevención de incendios forestais e 1 sobre violencia de xénero no CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, e 1 sobre acoso escolar no CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga.

Estas actividades, que tratan de temática de especial interese para a seguridade da xente moza, correron a cargo da Garda Civil e inscríbense no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar.

0.21771097183228