O Concello de Guitiriz amplía a cobertura do programa de conciliación familiar para o verán
A data límite para anotarse é o 20 de xuño e poderán facelo nenos e nenas de educación infantil e primaria. Haberá catro quendas que se desenvolverán do 1 de xullo ao 31 de agosto.
O Concello de Guitiriz ampliou as idades do seu programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.
Esta actividade, que terá como punto de encontro o CEIP Lagostelle principalmente, está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019, é dicir, toda a educación infantil e primaria. Desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto.
Establecéronse dous horarios diferentes, o ordinario será de 10 a 14 horas e está dirixido só a nenos e nenas nados entre o 2011 e o 2019, e un extraordinario, que será a partir das 8:30 horas para todas aquelas familias que precisen unha xornada máis ampla.
O prazo para anotarse remata o 20 de xuño e poderá formalizarse a inscrición de xeito telemático, a través da sede electrónica, ou presencial na casa do concello. Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, ou en situación de especial vulnerabilidade.
No caso de haber máis solicitudes que prazas a lista de admitidos publicarase o 23 de xuño e informarase da data e hora dunha reunión previa coas familias.
Para que a solicitude quede debidamente tramitada deberase aboar, xunto coa documentación, o 50% da contía a pagar na conta ES20 2080 0122 4631 1000 0022. O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 15 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por razóns sociais ou benéficas para familias con ingresos inferiores ao 50% do IPREM ou cando se careza de ingresos.