O Concello de Guitiriz aproba en Pleno a conta xeral do exercicio económico 2019
Onte celebrouse, de xeito telemático, un pleno ordinario do Concello de Guitiriz no que se aprobou a Conta Xeral do pasado ano 2019 grazas aos votos favorables do grupo de goberno. Abstivéronse os grupos municipais popular e nacionalista.
Ademais, aprobouse a modificación de crédito para a renovación das instalacións do alumeado en Guitiriz e Parga, que contou coa unanimiadade de todos os grupos.
A alcaldesa, Marisol Morandeira declarou “a importancia que ten a aprobación desta Conta Xeral nun ano tan complicado coma este. Guitiriz seguirá a apostar polos servizos sociais, como leva facendo desde que entramos no goberno”, subliñou a rexedora.
Quedou aprobada por unanimidade a depuración de saldos contables de orzamentos pechados. Tamén, a modificación do réxime de adicacións dos concelleiros do equipo de goberno grazas aos votos do grupo de goberno, a abstención do BNG e os votos en contra do PP.
Na quenda das mocións, foi aprobada a presentada polo grupo municipal nacionalista, para a adaptación do protocolo da COVID-19 nos centros de ensino de Parga e Guitiriz para o curso escolar 20/21 cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP.
A moción presentada polo Grupo de Goberno sobre a dotación de persoal do centro de saúde de Parga, unha vez aprobadas as dúas enmendas propostas polos partidos da oposición, foi aprobado por unanimidade.
Ademais, o grupo de goberno presentou de urxencia unha moción para presentarlle por escrito á Consellería de Educación a petición das ANPAs de Guitiriz para reclamarlle maior cobertura de servizos en materia de saúde ante a problemática da COVID-19. Quedou aprobada por unanimidade.