O Concello de Guitiriz aproba o contrato dos servizos enerxéticos

O Concello de Guitiriz aprobou en pleno extraordinario a adxudicación do contrato dos servizos enerxéticos da iluminación exterior e dos edificios municipais, unha medida impulsada polo goberno local co obxectivo de lograr unha mellor xestión dos gastos en electricidade. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSOE e cos votos en contra do BNG e do PP.
A empresa adxudicataria, Alisea Esco SA, será a encargada dos servizos de mantemento do alumeado público das rúas, dos servizos de reparación e do mantemento dos equipos dos edificios e dos servizos de xestión de enerxía.
Entre outras inversións que deberán acometer, a empresa cambiará todo o alumeado público a LED, o que supón unha vantaxe para o concello en canto a aforro enerxético, cun servizo máis eficiente, e unha medida máis respectuosa co medio ambiente.
O servizo ofrecerase nun período de 20 anos por un prezo de 6.183.868,85 € máis IVE. Isto permitirá que o Concello vaia pagando, ano a ano, una tarifa que non cambiará en función das posibles subidas do prezo, co que se logrará ter unha estabilidade neste gasto. Por exemplo, neste 2025, o gasto será un máximo de 287.000 euros (IVE incluído).
Marisol Morandeira explicou que “é un servizo que, obviamente, temos que contratar a empresas privadas polo que cremos que é beneficioso para o Concello ter un gasto acordado e constante, sen estar expostos as variacións e subidas dos prezos do mercado, o que nos dá tranquilidade orzamentaria”.
EXPLICACIÓN DO PARTIDO POPULAR
Os concelleiros do PP de Guitiriz votaron xa que “non podemos votar a favor de ningún tipo de proposta da que se nos nega o acceso ao expediente” polo que “non podemos apoiar ningún tipo de iniciativa da que non coñecemos nin unha soa letra”.
O voceiro popular, José Manuel López Rodríguez, afirma que o 3 de febreiro de 2025 solicitamos por escrito acceso ao expediente completo da contratación que a alcaldesa trouxo ao pleno de hoxe para poder estudalo dada a complexidade do mesmo “sendo a única realidade que Marisol Morandeira nos negou calquera tipo documento, unha clara mostra da súa total falta de transparencia”.
Unha negación de información que vai en contra do que establece a lei, xa que segundo o artigo 77 da lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime local:
Todos os membros das Corporacións locais teñen dereito a obter do alcalde ou presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función
“E pese a súa obriga legal de facilitarnos o expediente, Marisol Morandeira nega o acceso á información, non sabemos por que, pero supoñemos que se debe a que non quere que pase como no último pleno, cando desvelamos que a alcaldesa eliminou dous postos de peón, traballadores que prestan traballo para toda a veciñanza, para crear un posto de asesor, que traballa unicamente para a alcaldesa”, sinalou.
Ante esta situación, os concelleiros populares solicitaron á alcaldesa que retirase este punto da orde do día e que se trouxese de novo a pleno cando se facilitase a documentación necesaria e se dese o tempo suficiente para poder estudala. “A alcaldesa negouse a escoitar a petición, polo que votamos en contra xa que non podemos apoiar algo que descoñecemos, pero ela sacou adiante igualmente a contratación, dando unha nova mostra de falta de diálogo e transparencia”, lamentou.