O Concello de Guitiriz aproba un orzamento de 5 millóns de euros
Mantense o elevado gasto en persoal xa que a maior parte dos servizos ofrécense sen recorrer á externalización. Inclúese o financiamiento para proxectos como a ampliación do PAI, a construcción dun punto limpo ou a parte municipal da residencia de maiores.
O goberno local de Guitiriz presenetou onte no pleno o orzamento do Concello para o ano 2023. Un documento equilibrado en gastos e ingresos que ascende a 5.090.285,43 euros e no se mantén unha forte aposta polas políticas sociais, acompañadas de investimentos destacados.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “elaboramos un orzamento vivo, que verá incrementado o apartado de investimentos ao longo do ano grazas ás achegas pendentes doutras administracións e a incorporación de suplementos de crédito, facendo valer a boa situación económica do Concello cun importante remanente de tesourería”.
A rexedora reitera “a aposta deste goberno polos servizos sociais, algo que desde a nosa chegada é innegociable, tentando tamén manter e mellorar na medida do posible as infraestruturas, os servizos e todo aquelo que viña percibindo a veciñanza”.
Investimentos
O anexo de investimentos ascende este ano a 714.897,19 euros, incorporando financiamento para a ampliación do Punto de Atención á Infancia (75.000 euros), a construción dun punto limpo no polígono (64.687,93 euros), a mellora da zona exterior do Centro de Día (6.923,55 euros), a parte municipal das obras de construción da residencia de maiores por parte da Deputación de Lugo (96.278,46 euros), as obras do Plan Único (403.412,53 euros), a reposición de infraestruturas (28.047,05 euros) e a anualidad 2023 do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica (40.547,97 euros).
Orzamento social
O apartado de gastos correntes ascende a 4.363.148,22 euros nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).
Neste sentido, o Concello de Guitiriz deu cumprimento á Lei 31/2022 en canto á subida salarial de funcionarios así como a Lei 20/2021 de medidas urxentes para a reducción de temporalidade no emprego público, a través dos procesos de estabilización.
Neste apartado aumenta, con respecto ao exercicio anterior, o importe para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo… Este capítulo representa un total de 110.363,15 euros, o que supón un incremento respecto ao 2022, no que eran 77.700 euros.
Tamén compre destacar a aportación do Concello ao programa de Servizo de Atención Temperá (SAT) que se fai conxuntamente co Concello de Xermade.
Gastos en bens correntes
Marisol Morandeira quixo destacar que, con respecto ao orzamento do ano 2022, hai un incremento de 225.475 euros dado á subida do prezo dos suministros, como por exemplo o gasóleo, a electricidade e outros servizos prestados por empresas que subiron as súas tarifas como por exemplo a xestión das escolas deportivas, o mantemento das instalacións…
No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción continúa a aposta firme de promocionar os produtos locais e o potencial ambiental dos diferentes espazos do municipio.