O Concello de Guitiriz completa a renovación integral da iluminación pública con tecnoloxía LED

TerraChaXa
A actuación abrangueu todas as parroquias do municipio, con 1.780 novas luminarias instaladas e un investimento global de 6,1 millóns de euros
GUITIRIZ alumbrado
6 Nov 2025

O Concello de Guitiriz vén de finalizar os traballos de renovación integral da iluminación pública, substituíndo as antigas lámpadas pola tecnoloxía LED. Esta actuación supón un importante avance en materia de eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental, xa que permitirá reducir o consumo eléctrico e mellorar a calidade da iluminación nas rúas e espazos públicos.

Os traballos, executados pola empresa adxudicataria Alisea ESCO S.A., incluíron a instalación de 1.780 novas luminarias LED e a renovación dos cadros de mando en todas as parroquias. En total, o municipio conta agora con 2.880 puntos de luz, o que significa que máis do 60% do alumeado público foi modernizado.

Desde o Concello solicítase á veciñanza que comunique se detecta algún punto de luz no que non se realizase a substitución, co obxectivo de garantir que a mellora chegue a todo o territorio e que o servizo funcione nas mellores condicións posibles. Esta intervención enmárcase dentro dun contrato de xestión integral do alumeado público cunha duración de 20 anos e un investimento total de 6,1 millóns de euros. O contrato abrangue o subministro, mantemento e reparación das instalacións, así como a xestión enerxética dos edificios e servizos municipais.

Grazas a esta fórmula, o Concello asegurará unha tarifa estable durante todo o período de vixencia, evitando o impacto das flutuacións no prezo da electricidade. En 2025, o gasto máximo previsto ascende a 287.000 euros. A renovación supón tamén un importante aforro enerxético: a potencia instalada pasa de 158 kW a 69 kW, o que representa unha redución do consumo do 56%. Ademais, mellóranse os niveis lumínicos, garantindo un alumeado máis uniforme, eficiente e seguro.
O investimento total para esta actuación concreta, que inclúe luminarias, instalación e enxeñaría, ascende a 669.009 euros.

⚙ Configurar cookies
0.064543008804321