O Concello de Guitiriz convirte dúas escolas municipais en vivendas sociais

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz converteu as antigas escolas municipais de Becín e Campoverde en vivendas sociais con axuda do Goberno da Deputación.
escolas_guitiriz
13 sep 2018

O Concello de Guitiriz converteu as antigas escolas municipais de Becín e Campoverde en vivendas sociais con axuda do Goberno da Deputación. Así o informaron o presidente, Darío Campos, e a alcaldesa, Regina Polín, nunha visita a estas instalacións públicas e sociais, na que tamén participou o voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos.

Deputación e Concello arranxaron o edificio da antiga escola de Becín, que tamén dotaron de equipamento e mobiliario. Na planta baixa, hai un local social, no que se desenvolven actividades veciñais. Na alta, habilitouse unha vivenda, na que xa vive unha familia (unha parella cun neno). Atopábase en situación de desemprego e hoxe contempla oportunidades laborais.

A antiga escola de Campoverde rehabilitouse na súa totalidade, transformándoa nunha vivenda. O Concello púxoa a disposición de refuxiados. No caso de non ser empregada para este fin, a alcaldesa explicou que tamén se porá a disposición de persoas con dificultades. De feito, xa se interesou pola mesma unha familia que traballa nunha explotación gandeira e busca un lugar onde vivir preto do seu traballo, pois desprázase todos os días a Guitiriz.

Regina Polín explicou que “a recuperación das antigas escolas municipais de Becín e Campoverde é un dos compromisos que adquirín cos veciños, pois son edificios do Concello, é dicir, de todos os veciños, que estaban sen uso. Quería poñelos en valor, darlles un uso social que beneficiase ao conxunto dos meus veciños. Por iso, decidín arranxalos e pedir axuda para elo aos meus compañeiros na Deputación, que así o fixeron. Xuntos arranxamos estes inmobles, dándolles un uso público e social. Nestes inmobles, ademais de facilitar un lugar onde todos os colectivos veciñais desenvolvan actividades ou mesmo reunirse, poden vivir familias. Con isto, queremos dar facilidades para iniciar ou retomar a vida laboral en Guitiriz, contribuíndo deste xeito a fixar poboación no noso Concello, un dos poucos da provincia de máis de 5.000 habitantes, onde ofrecemos servizos públicos municipais como o de gardería, os almorzos saudables (onde levar aos cativos antes do horario escolar), a escola de música, as actividades deportivas ou culturais ... “

Campos destacou que “Deputación e do Concello de Guitiriz traballamos por unhas institucións coas persoas, sumamente sociais e rurais, desenvolvendo proxectos que axuden aos nosos veciños a ter o que nunca lle debería faltar a ningunha persoa, cando menos, un lugar onde vivir. O arranxo destas antigas escolas municipais compren con este compromiso común, ao tempo que tamén potencia o noso rural, tentando facilitar a vida nel, unha vida con calidade nun Concello que ofrece servizos públicos, recursos e oportunidades... Creo que demostramos que cunhas institucións comprometidas coas persoas e co noso rural, podemos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e facer fronte ao despoboamento demográfico, que parece non ter freo. É posible”.

Becín e Campoverde
En Becín, acondicionouse por completo o edificio municipal. Hoxe na planta baixa hai un local social que empregan os veciños para ensaios musicais, reunións, actividades... Na planta alta, construíuse unha vivenda que o Concello puxo a disposición de familias en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Dende hai semanas, vive na mesma unha familia. Durante os 6 primeiros meses, ata que melloren a súa situación laboral e persoal, non pagan nada polo aluguer. Posteriormente, farán unha achega económica “simbólica”, explicou a alcaldesa. Campoverde rehabilitouse por completo. Hoxe está a disposición de refuxiados, pois o Concello de Guitiriz, como o de Lugo, a través das súas alcaldesas, foron os únicos da provincia que decidiron facer isto. De non ocupárense estas instalacións por refuxiados, Regina Polín avanzou que tamén se ofrecerá a familias, como no caso de Becín.

Outros inmobles municipais con uso social
A alcaldesa de Guitiriz recuperou, tamén con axuda do Goberno da Deputación, a Casa dos Peóns Camiñeiros, transformándoa nun centro de día público, que dará servizo a 12 maiores do municipio. A día de hoxe, o Concello mantén alugado un local para ofrecer esta prestación. Concello e Deputación converterán a Casa da Botica, outro inmoble municipal, nunha residencia pública con capacidade para outros 52 veciños. Son proxectos de recuperación do patrimonio de todos os veciños, que buscan mellorar a calidade de vida aos cidadáns, ofrecéndolles servizos públicos necesarios, ao tempo que tentan xerar emprego e frear o abandono do rural.

0.2011981010437