O Concello de Guitiriz convoca de novo o servizo de conciliación

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz abre o luns 24 de xullo o prazo do servizo de conciliación para o curso 2023-2024 que pecha o 25 de agosto
nenos coeduca xogando
18 Xul 2023

O prazo para anotarse abre hoxe e remata o 25 de agosto e haberá que pagar unha taxa que varía segundo a modalidade que se escolla.

O Concello de Guitiriz abrirá o próximo luns, 24 de xullo, o prazo para enviar as solicitudes para participar durante o curso escolar 2023-2024 en Guitiriz Concilia, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar dirixido a crianzas de 3 a 12 anos de idade.

Esta actividade levarase a cabo no CEIP Lagostelle e hai a opción de Guitiriz Madrugador de 8 a 9:30 horas para atender aos nenos e nenas antes da entrada na escola e Guitiriz Tardes de 16 a 20 horas para o horario posterior ao colexio. A data de inicio será o luns 11 de setembro.

Estableceuse unha taxa para todo o curso, que varía segundo a modalidade que se escolla. No caso de Guitiriz Madrugador se se anotan 3 días ou máis por semana terá un custe total de 75 euros, 1 ou 2 días por semana serán 50 euros e un máximo de 3 días ao mes será de 20 euros. Para o Guitiriz Tardes, máis de 3 días por semana suporá un total de 100 euros, 1 ou 2 días por semana 75 euros e un máximo de 3 veces ao mes 35 euros.

As crianzas poderán participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas e estudar se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola natureza.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 25 de agosto. As familias interesadas poden presentar a documentación requirida a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial no Concello.

SERVIZO GUITIIRIZ CONCILIA
0.10703587532043