O Concello de Guitiriz denuncia a continua falta de médicos no consultorio de Parga
O Concello de Guitiriz denuncia a recorrente ausencia de médicos que se está a sufrir no consultorio de Parga, no que non se está a dispor de médico de luns a xoves, tal e como se establecera, e a previsión é que non o haxa ata o 22 de marzo.
No mes de outubro de 2022 o Sergas anunciou que reabriría o centro de saúde de Parga con atención médica e de enfermaría de luns a xoves en horario de mañá, incumprindo así o seu compromiso de reapertura total do consultorio unha vez rematase a pandemia.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “incumpriron o seu compromiso de reapertura total do centro tras a pandemia, puxeron as súas propias normas, e agora tamén as incumpren, neste mes só houbo médico tres días”. “É un incumprimento doutro incumprimento”, afirma.
Morandeira solicítalle ao Sergas “unha vez máis, que cumpra o que prometeu e reabra totalmente o consultorio de Parga”. “A normalidade xa volveu hai tempo ás nosas vidas, agás ao centro de saúde de Parga. Con este novo modelo, os usuarios e usuarias reduciron drasticamente o servizo co que contaban ata o ano 2020”, denuncia.