Guitiriz desmantela os puntos de recollida de plásticos agrícolas dos que dispón
O Concello de Guitiriz decidiu desmantelar os cinco puntos de acopio e recollida de plásticos agrícolas dos que dispón en Santa Cruz, Pígara, Mariz, Os Vilares e San Breixo. Tomou esta decisión tras constatar o mal uso que se está a facer destas zonas, depositando de xeito reiterado todo tipo de residuos impropios.
A administración local informou desta decisión á veciñanza a través dun bando municipal asinado pola alcaldesa, Marisol Morandeira, no que tamén se avisa que queda prohibido o depósito de calquera tipo de residuo nos mesmos.
Esta semana comezaron a inhabilitarse os puntos de Santa Cruz e Pígara e, posteriormente, continuarase nos de Mariz, Os Vilares e San Breixo.
En caso de incumprimento da norma, amparada pola Lei 6/2021 do 17 de febreiro de residuos e solos contaminados de Galicia, tramitarase a correspondente denuncia para atopar á persoa infractora.
Desde o Concello de Guitiriz solicítase a colaboración veciñal se se identifica algunha mala práctica neste sentido. “Rogamos que, se alguén ve a unha persoa depositando residuos nestes puntos, nos avise para así, entre todos, poder protexer e coidar do noso medio”.