O Concello de Guitiriz destina 17.000 euros a axudas para o curso escolar
O Concello de Guitiriz destina un orzamento de 17.000 euros para financiar as súas liñas de axudas para a compra de material, transporte e redución da fenda dixital dirixidas a escolares para o curso 2023-2024.
Está convocatoria establece como beneficiarias ás familias empadroadas no concello de Guitiriz, que teñan menores ao seu cargo matriculados en centros públicos de grao Educación Infantil (2o Etapa, de 3 a 5 anos), BAC, ESO; así como matriculados en ciclos formativos ou universitarios.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 13 de outubro. A documentación e as bases cos requisitos de participación poden obterse na páxina web municipal www.concellodeguitiriz.com ou de xeito presencial no Rexistro da casa consistorial.
A liña de axudas ao material escolar; dirixida ao alumnado de educación infantil (2a etapa de 3 a 5 anos), e bacharelato (residentes en Guitiriz matriculados en centros municipais ou de fóra); co obxectivo de cubrir as necesidades de material didáctico, libraría e/ou reprografía así como dispositivos adaptados a nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
Para os rapaces e rapazas universitarios ou que cursen ciclos formativos habilítase unha liña para financiar as súas necesidades de desprazamento, tanto ao lugar onde realizan a formación como de transporte interurbano se fose o caso.
Co obxectivo de salvar a fenda dixital existente no rural habilítanse dúas liñas. Por unha banda, axudas para a mellora da conexión dixital para que o alumnado de 5o e 6o de primaria e o da ESO poida acceder a contratos de liñas WIFI, de subministro de datos ou doutros dispositivos existentes no mercado.
Pola outra, para a adquisición de dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, portátiles ou tabletas) dirixida ao alumnado de 4o da ESO e bacharelato empadroado en Guitiriz.
Estas liñas de axuda son incompatibles entre elas, é dicir, cada estudante só poderá optar a unha delas. O obxectivo final destas axudas é favorecer a integración sociolaboral de pais e nais nos titores/acollidos, apoiando á unidade familiar que, por carecer de recursos económicos, pode asumir o custo do servizo.
Estas axudas enmárcanse dentro da Liña 3 “Cooperación, solidariedade e desenvolvemento humano”. do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Guitiriz 2022/2023. As axudas irán destinadas ás familias, tendo en conta o poder adquisitivo do concello e serán compatibles con calquera outra que reciban polo mesmo concepto.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “queremos que todos os nenos e nenas de Guitiriz poidan ter as mesmas condicións e oportunidades de estudo e, por iso, este grupo de goberno continúa prestando axuda ás familias para afrontar os gastos que supón o curso escolar”.