O Concello de Guitiriz estrea unha Liga de Pádel con 30 xogadores
O Concello de Guitiriz desenvolverá unha liga de pádel a partir do próximo luns, 6 de xaneiro. A liga estenderase nesta primeira edición ata o 31 de maio, aínda que é unha proposta que se espera que teña continuidade nos vindeiros anos.
Ata o momento, a competición conta con preto de 30 xogadores inscritos, que participarán por parellas nesta nova liga. As inscricións están abertas ata este venres, 3 de xaneiro, e pódense formalizar a través da aplicación ReservaPlay, no apartado correspondente (https://guitiriz.reservaplay.com).
Os resultados da liga poderanse seguir a través desta mesma aplicación, onde estarán dispoñibles o calendario, os partidos, a clasificación e os resultados.
Os participantes disputarán un partido á semana, fixando a data e a hora de mutuo acordo entre as parellas implicadas. Os encontros xogaranse nas pistas de pádel situadas na Nave do Senpa, onde dende hai uns meses hai unha nova pista, que se sumou á xa existente.
Todos os participantes terán prezo de socio na pista de pádel ata maio de 2025. Tamén recibirán un agasallo ao rematar a liga e premios en material deportivo. Pódese consultar máis información na páxina web municipal.