O Concello de Guitiriz insta á limpeza de solares urbanos antes do 31 de maio para previr incendios

O Concello de Guitiriz vén de emitir un bando, asinado pola alcaldesa Marisol Morandeira Morandeira, no que se lembra á veciñanza a obrigatoriedade de limpar os solares situados en zonas urbanas de Guitiriz e Parga ante a chegada da temporada estival e o rápido crecemento da vexetación.
Segundo se recolle no bando, a normativa vixente obriga ás persoas propietarias a conservar e manter o solo natural e, de ser o caso, a masa vexetal nas condicións axeitadas para evitar riscos de erosión, contaminación e incendios, especialmente nas franxas de 50 metros arredor das edificacións.
A alcaldesa subliña que a limpeza debe facerse antes do 31 de maio de 2025 e lembra que, en caso de incumprimento, o Concello poderá realizar estas tarefas de forma subsidiaria e a cargo dos propietarios, sen prexuízo das sancións que puideran corresponder.
O bando foi publicado para o coñecemento xeral da poboación a través do taboleiro de anuncios, da sede electrónica, da web oficial do Concello e das redes sociais municipais.