O Concello de Guitiriz inviste na rehabilitación da escola de Pedrafita
O proxecto, que está en licitación, pretende acondicionar o edificio para convertelo nun centro social.
O Concello de Guitiriz destina 206.686,71 euros para o proxecto de rehabilitación da antiga escola de Pedrafita, que actualmente se atopa nun estado de conservación deficiente e que se pretende acondicionar para convertela nun centro social.
A actuación, que se atopa en proceso de licitación, inclúe a realización dos seguintes traballos: renovación da cuberta e da súa estrutura; demolición da escaleira exterior e realización dunha nova; planificación dunha nova distribución para os aseos; instalación dunha nova ventilación mecánica e climatización mediante aerotermia; execución de novas instalacións de fontanería, saneamento e electricidade; renovación das carpinterías exteriores por outras de madeira pintada de branco e acondicionamento da fachada.
Está previsto que os materiais que se usen na obra sexan similares aos do resto de edificacións da zona para conseguir unha adecuada integración na contorna.
O prazo para presentar ofertas no perfil do contratante do Concello de Guitiriz remata o 19 de febreiro.